A Banda de Gaitas de Xinzo rumbo á República Checa

A Banda de Gaitas de Xinzo rumbo á República Checa
Os músicos comezaron unha viaxe en autobús de preto de 2.500 quilómetros e 30 horas de duración para participar no Festival de Strakonice, acompañados pola alcaldesa Elvira Lama

A Banda de Gaitas de Xinzo de Limia arrancou onte cara a cidade de Strakonice. Un total de 39 músicos, acompañados da alcaldesa, Elvira Lama, comezaron unha viaxe en autobús de arredor de 2.500 quilómetros e 30 horas de duración para participar no Festival Strakonice.

O festival celebrarase nesta localidade da República Checa do 25 ao 28 de agosto. Está previsto que a banda de Xinzo sexa recibida na Casa Consistorial de Strakonice o xoves pola tarde.

O director da Escola Municipal de Gaitas&Percusión de Xinzo de Limia, Fernando Dopico, asegurou que o Festival será “un escaparate excepcional para dar a coñecer a música galega, xa que se trata dun evento moi consolidado. Será un logro máis no currículo da banda”.

Ademais, a alcaldesa Elvira Lama, acompaña á Banda por segunda vez. Subliña que é unha honra “poder asistir cos músicos en representación do Concello, de Ourense e de España nun festival tan importante para levar o nome de Xinzo de Limia por todo o mundo”.

Na viaxe tamén colabora a Deputación de Ourense co obxectivo de dar a coñecer a "nosa cultura e a nosa tradición".

Ademais, os músicos actuarán con catro bailadores do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol. Así, din desde o Concello "todos mostrarán o seu talento nun dos festivais máis emblemáticos, antigos e vistosos do mundo das gaitas europeas".