Bendito 2013 en Xinzo da Limia

Bendito 2013 en Xinzo da Limia

Si vostede vive en Xinzo e está pola teima de ler estas liñas é posible que note certo esforzo intelectual...

Si vostede vive en Xinzo e está pola teima de ler estas liñas é posible que note certo esforzo intelectual engadido á comprensión lectora que normalmente emprega antes do medio do chollo. Non se preocupe, non é grave e ten cura. Está vostede simplemente lendo e comprendendo en galego, isto é, nada máis.

Pode que estando pouco ou nada acostumado a ler, e menos aínda a facelo en galego, non lle resulte unha tarefa moi doada, mais que lle quere, son cousas do común neste país de galegas e galegos, disque de nación, onde o falar a lingua propia e proxectar a nosa cultura diferenciada como un valor engadido non só non cotiza senón que ata semella nin ter interese de explorar as propias potencialidades.

O caso é que novamente a nosa terra, a nosa expresión máis íntima do territorio, volve a estar á vangarda nos indicadores relativos. Non nos chegaba con ser os number one das rendas máis baixas cos impostos máis altos a nivel do estado, sexa auga, depuración ou I.B.I; non nos chegaba un gasto de persoal municipal de 5 millóns de euros ou unha contratación eventual onde o mérito real é ser interventor ou apoderado popular. Ata 15 interventores foron contratados en 2012, coa dona do actual concelleiro de facenda á cabeza.

Non chegando con todo elo, arrinca este 2013 con optimismo de veras: A Limia atópase no podio das comarcas galegas, xunto á Terra Cha, Ortegal e O Courel, declaradas como reservas da fala, xa que contan cun censo superior ó 20% da media do país de galegofalantes vernáculos. Bendito 2013.