O BNG lánzase a defensa do Bar Arcos

O BNG lánzase a defensa do Bar Arcos

O BNG solicita o desbloqueo administrativo do Bar Arcos para posibilitar a súa continuidade

O coñecido Bar Arcos é un local tradicional da \“zona dos viños\” do Barrio de Abaixo que viña desenrolando a súa actividade hostaleira dende a década dos oitenta ata que fai escasamente unhas semanas, antes do inicio do Entroido, foi clausurado e precintado polo Concello. Asemade, trátase dun inmóbel da primeira metade do século XIX, catalogado e situado a escasos cen metros da Igrexa Vella, zona de máxima protección urbanística do núcleo de Xinzo.

Como consecuencia dunha enramada teima administrativa baseada inicialmente nos informes máis que dubidosos do arquitecto municipal, cuxa contratación está sendo investigada polo Xulgado de Xinzo, a día de hoxe atópase baixo a parálise dun surrealista expediente de declaración de ruína motivado polo deficiente estado da cuberta do inmoble, unha carencia perfectamente subsanábel. Isto desencadeou tamén unha recente e nova denuncia máis por prevaricación contra o alcalde por parte dos afectados ao sentirse lesionados nos seus dereitos fundamentais.

Este expediente urbanístico atenta de xeito doloso directamente contra dous piares fundamentais da maltreita economía local: por unha banda, o comercio, que está a ver como os seus negocios e xeito de vida son cercenados por mor de intereses alleos, arbitrarios e que pouco ou nada teñen que ver coa dinamización da hostalería. Por outra, a recuperación arquitectónica do Barrio de Abaixo como lugar de interese turístico e comercial onde, no canto da posta en valor e a rehabilitación, óptase de xeito groseiro e obsceno pola estéril declaración de ruína.

O BNG solicita a resolución inmediata ou arquivo do devandito expediente urbanístico para de seguido explorar unha vía administrativa alternativa realmente construtiva e centrada no obxectivo irrenunciábel da rehabilitación da problemática cuberta para posibilitar así a continuidade do coñecido e emblemático Bar Arcos.

Desleixo dos gobernos do PP co núcleo histórico da vila O caso do Bar Arcos é paradigmático do desastre limiao en comparación coa laboura de recuperación que se ven facendo dende hai décadas noutras vilas como Allariz, Verín ou Ribadavia. Lamentabelmente os veciños e veciñas de Xinzo asistimos á lenta agonía e morte do núcleo urbano máis antigo da nosa vila como consecuencia dunha falla total de proxecto, vontade e credo político dos nosos gobernantes.

O PP, co alcalde Antonio Pérez á cabeza, resulta unha auténtica arma de destrución masiva tanto do comercio local como do patrimonio arquitectónico de Xinzo, polo que desde o BNG emprazamos aos veciños e veciñas a que non desaproveiten a oportunidade de mudar estas políticas que se lles ofrece o vindeiro mes de maio, antes de que sexa a propia Avogacía do Estado ou os Xulgados os que rematen con esta situación.