Os Bolechas, de entroido en Xinzo

Os Bolechas, de entroido en Xinzo
A Deputación de Ourense presenta no Museo do Entroido de Galicia, en Xinzo, a publicación Os Bolechas, o entroido ourensán, un libro e unha unidade didáctica nos que os famosos personaxes infantís percorren os diferentes carnavais da provincia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co editor Antonio Couto, presentaron hoxe no Museo do Entroido de Galicia, en Xinzo de Limia, unha nova iniciativa literaria e didáctica dos famosos personaxes infantís galegos Os Bolechas, dedicada nesta ocasión ao entroido ourensán. Trátase dun libro e dunha guía, editados pola Deputación de Ourense e Bolanda Ediciones, que teñen como obxectivo percorrer os distintos entroidos da provincia de Ourense da man de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e a súa mascota, Chispa, e xunto con eles, outros personaxes da súa familia, amigos e veciños. Ao acto asistiron, ademais dos Bolechas, alumnos de 1º de Primaria do CEIP "Rosalía de Castro", quen ao final da presentación tiveron a oportunidade de compartir momentos con estes personaxes infantís.

                               O presidente do goberno provincial lembrou que esta presentación "organízase en Xinzo, que conta cun entroido que é "Festa de Interese Turístico Internacional", salientando que "dos nove carnavais de Galicia que son festa de interese turístico, sete son da provincia de Ourense; e hoxe estamos aquí, na capital das capitais do entroido: Xinzo de Limia". Manuel Baltar salientou que esta nova publicación dos Bolechas vai na liña que sempre desenvolven estes personaxes, "que tanto fan pola nosa lingua, non só en Galicia senón tamén en Portugal", e destacou a "riqueza cultural" que significa o entroido ourensán, "que estes días celebra máis de 350 actividades en 50 localidades da provincia", un programa que o presidente da Deputación presentou dias pasados en Cartelle sobre "o gran escaparate etnográfico que supón o noso entroido", dixo.

A publicación —2.000 guías e 10.000 unidades didácticas— vaise repartir estes días entre 114 centros educativos de educación Primaria da provincia de Ourense, "para que os nenos coñezan, da man dos Bolechas, máis do noso gran parque temático de cultura e tradición ourensá, que é o entroido", expresou o presidente.

Pola súa banda, o editor Antonio Couto, de Bolanda Ediciones, explicou a liña narrativa desta obra e dixo que "en Ourense, como capital mundial do entroido, Os Bolechas vanse disfrazando e percorren todas as vilas da provincia, xogando e gozando desta festa".