Carlos Gómez: "Na Comisión deste ano atopámonos con xente moi fundamentalista"

Carlos Gómez
Carlos Gómez: "Na Comisión deste ano atopámonos con xente moi fundamentalista"

Carlos Gómez: "O ano pasado, e hai dous anos e tres, o desfile era un desastre con só dúas carrozas "perralleiras" e así".

O concelleiro de Cultura, Festexos, Turismo e Facenda de Xinzo de Limia, Carlos Gómez, responde ás polémicas xurdidas en torno ao desfile do Martes de Entroido.

Carlos Gómez (Xinzo de Limia, 1960) é un dos concelleiros con máis carteiras do goberno municipal de Xinzo de Limia, tras ter asumido hai escasos meses as de Cultura e Festexos. Ademáis de concelleiro tamén é deputado no Parlamento de Galicia polo PPdeG. Hoxe responde ás polémicas xurdidas polo Entroido deste ano na capital da Limia, especialmente sobre o desfile do Martes de Entroido.

Cal é a túa valoración do Entroido deste ano 2018?

Eu creo que este ano hai que destacar, en primeiro lugar, a recadación a través da aportación cidadá. Sorprendeunos a todos o ben que funcionou a idea do número de conta porque a resposta foi excepcional, a pesar de que nun principio algúns eramos críticos con isto. Coido que foi un dos mellores anos en recadación a través da colaboración cidadá cuns ingresos que roldan os 15 mil euros de ingreso directo –o pasado ano recadáranse en torno aos 13 mil– na conta. E non só funcionou moi ben, senon que senta un precedente para futuras edicións. Tamén funcionou moi ben a pantalla LED que se instalou na Praza Maior, non só pola resposta dos anunciantes senon por como foi empregada para dar avisos, recomendacións e anuncios aos cidadáns durante o Entroido. Destacaría tamén a decoración deste ano, que foi bonita, diferente e aportou un atractivo especial á festa. Outra cousa que funcionou moi ben e que cada ano están máis asentados son as celebracións dos domingos precedentes, que teñen ese sabor tradicional que é tan importante. Tamén é importante sinalar o éxito do desfile infantil, que seguiremos organizando. E en canto ao desfile do martes coido que houbo unha boa participación en relación cos últimos anos. Non foi un desfile moi espectacular pero foi bastante lucido e tivo un complemento acertado como foi a incorporación da posta en escea dentro do desfile dos outros domingos precedentes do ciclo do entroido –fareleiro, oleiro e corredoiro–.

Nos últimos anos decaera moito o nivel das carrozas e o grao de participación, que estaba en franca decadencia.

Canta xente participou no desfile? Temos cifras?

Nin idea. Non sería capaz de darche unha cifra. Os participantes eran fundamentalmente de Xinzo de Limia pero, por exemplo, Piñeira, viu cunha carroza. Pero foi o momento álxido do Entroido e a xente segue asistindo e valorando o Entroido completo en función do que ve no desfile que, ultimamente, era moi decepcionante. Este ano intentamos darlle un pouco de cor e vistosidade. Nos últimos anos decaera moito o nivel das carrozas e o grao de participación, que estaba en franca decadencia. É neste contexto onde o concello de Xinzo opta, como se fai en moitísimos entroidos da provincia de Ourense, por alugar unhas carrozas e poñelas a disposición de colectivos aos que lles custa adicar unha cantidade elevada de diñeiro para facelas.

Cantas carrozas foron as que cedeu o consistorio?

Foron 4 carrozas. Unha de Teatro Aneis e outras 3 para a Agrupación Musical da Limia. Ofrecéuselle tamén a outros colectivos como Limisi, ao Centro Social, a Asociación de Comerciantes, as Escolas de Danza e moitos outros. Pero, polo que fora, moitos deles declinaron a oferta porque hai a quen aínda lle custa moito participar no desfile. Creo que nese contexto é interesante esta medida para que a xente que veña a Xinzo poida desfrutar de algo máis que catro cousiñas que fan do desfile algo decepcionante que se queda curto. Ademáis tamén puideron servir de modelo para que outros anos a xente se anime a facer carrozas.

Non se formula o concello volver dar premios ás mellores carrozas?

Os premios aquí en Xinzo non son moi populares. Sempre que se deron premios resultaron ser polémicos porque Xinzo non é unha vila proclive a este tema. Formulouse a posibilidade de convidalos a unha cea ou axudalos doutro xeito, pero neste momento o que facía falta era que se visen polas rúas carrozas un pouco máis lucidas con colectivos e grupos que son de aquí. E é relevante destacar que todos eran de aquí, porque tamén me chamaron colectivos mesmo da costa de Vigo que fan percorridos por diferentes Entroidos. Estes colectivos ofrecían vir ao desfile cunhas 150 persoas, traer as súas carrozas e cobraban 1.500 euros. Isto en lugares como Ourense, A Valenzá ou en Maceda. Pero isto aquí en Xinzo si que podería ser máis polémico porque do que se trata é de que participen os de aquí. E fíxoselle o ofrecemento a un montón de asociacións e colectivos. De feito a Asociación de Comerciantes desestimárono porque non se puñan de acordo sobre quen ía na carroza.

Aínda que non se vise unha cousa espectacular, si de viu algo máis.

Como valoras entón dende a Concellería de Cultura e Festexos a idea de alugar as carrozas?

Nós cremos que está ben traída esta idea, que é unha imaxe diferente para aqueles que non veñen outro día. E aínda que non se vise unha cousa espectacular, si se viu algo máis. Se non é por esas catro terían saído só 3 carrozas e tería rematado o desfile. Noutra orde de cousas, coido que tamén funcionou bastante ben as accións levadas a cabo pola Comisión e polo consistorio para que a xente depositar o lixo en contedores. Nese sentido fíxose un esforzo de dotación de máis medios, aínda que siga faltando máis concienciación cidadá e civismo a este respecto. E recoñezo que nós ás veces tamén erramos en concienciación cívica. Pero imos mellorando niso e na coordinación da Comisión na organización da festa.

Hai unha polémica importante nas redes sociais con respecto ás pantallas. Dende a Asociación da Pantalla, afirman que se apuntaron como unha comparsa xa hai moito tempo e que mesmo abriran unha convocatoria para que os socios convidasen a outra xente.

Eu teño que dicir que son membro da Asociación da Pantalla e o que se fixo foi un chamamento a participar no Domingo Corredoiro, no Colgamento do Meco e no desfile do Martes de Entroido. Habitualmente as pantallas abren os desfiles do martes e nos últimos anos a asociación destaca pola súa preocupación para dignificar o personaxe fundamental do Entroido de Xinzo, que é o que nos da sentido para non sermos un Entroido máis. A máscara é a que nos da sentido e a asociación ten traballado moi ben para dignificala, que dende os anos 80 ata aquí derivara un pouco nun personaxe esperpéntico e "desarrapado" (sic.). Eu recoñezo que moitos que somos de Xinzo vestiámonos dun xeito pouco respectuoso coa tradición.

Eu recoñezo que moitos que somos de Xinzo vestiámonos dun xeito pouco respectuoso coa tradición.

Por iso se decidiu que eles foran abrindo o desfile?

Normalmente, e non é unha cousa recente, os da asociación encabezan o desfile. Porque son os que teñen os traxes máis coidados e fano a modo de modelo de comportamento.

Pero outros anos organizaban eles ás outras pantallas e non só ás súas, non?

Si, e eu algún ano estiven organizando o desfile das pantallas que sempre é controvertido. Pero este ano fíxose un chamamento para participar no desfile do Martes de Entroido e a asociación, que quería facer un grupo, decidiu que no seu grupo foran só as súas pantallas ou aquelas que cada socio levaran responsabilizándose estes de que vestisen unha indumentaria adecuada e se comportasen adecuadamente. E eu isto respéctoo e compártoo. Mais é certo que se produciu unha inxustiza, pois hai moitas pantallas que non son de Xinzo e que non pertencen á Asociación da Pantalla, que son respectuosas e que a visten e a levan coa maior dignidade. E creo, aínda que eu non organizaba esa parte do desfile e houbo algún membro da comisión crítico con esa decisión, que iso foi inxusto polo que tamén puiden ler nas redes sociais. Pero a Comisión non tomou ningunha decisión ao respecto nin se meteu niso.

Entón de quen foi a decisión de organizar o desfile dese xeito?

Non me vou meter no xardín... realmente non o sei. A min sorprendéronme dúas cousas do desfile. O primeiro que sacaran un estandarte, pois xamáis se fixera nun desfile de pantallas. E o que era da Asociación da Pantalla só eran as pantallas porque o resto –o carro...– non era da asociación senon do desfile tradicional que organiza a Comisión do Entroido.

A min sorprendeume moito que sacasen un estandarte para se diferenciar.

Segundo Calleja e a presidenta da asociación, o desfile tradicional fora tamén organizado pola Asociación da Pantalla.

Calleja, como moitos dos que estabamos aí, é membro da asociación e tamén da Comisión. Todos os da Comisión son membros da Asociación da Pantalla pero non todos os da asociación son membros da Comisión. E neste contexto, a asociación sae a desfilar coma sempre, pero o desfile tradicional foi unha cousa que xurdiu aquí coa Comisión. E eu creo que había xente que ía no desfile tradicional e non era socia da Asociación da Pantalla.

Entón estasnos dicindo que non sabes quen decidiu que fosen ao final?

É máis, eu non teño nada en contra de que vaia a Asociación da Pantalla adiante e procuraramos de forma máis ou menos educada poñer aos que non ían de todo ben, ao final das pantallas ben vestidas e bonitas. Pero co que non estou de acordo e con que se discrimine aos nenos. E eu puxen alí a algún neno que ía de pantalla, motivo polo cal se enfadaron algúns pais de Sarreaus porque alguén da Asociación da Pantalla lles dixera previamente que os seus fillos non podían ir alí. Pero temos que intentar evitar estas controversias porque todo o mundo que vista a pantalla e respecte a tradición debe ter dereito a participar, polo menos, onde vaian as pantallas. Outra cousa é que a asociación de formulara facer unha comparsa como din nas redes sociais, que non é así. Pero o Entroido é de todos.

_MG_6828

E para cando ides tomar a decisión de que non vaian cabalos? Porque esta tamén é unha polémica de todos os anos.

Eu non quero crear polémica con isto. Ademáis eu son da pantalla, que é o traxe rexional e tradicional de Xinzo de Limia e a xente que a poña debe vestirse e comportarse de forma correcta.

En Xinzo hai unha relixiosidade en torno á Pantalla que é esaxerada e que eu chamo fundamentalismo.

Puido haber tamén un erro de comunicación?

Non. Foi intencionado. Eu sei que alí no comezo había xente moi fundamentalista. Porque en Xinzo hai xente así. Que ve a pantalla coma se fose Deus bendito (sic.) e que a trata e venera coma se se tratase da Capela da Inmaculada. Hai unha relixiosidade en torno a iso que é esaxerada e que eu chamo fundamentalismo. A min hai un par de anos puxéronme a parir porque me vestira de pantalla, entendéndoo coma se fose o traxe de gala, para acompañar ao presidente da Xunta de Galicia. E puxéronme a parir por levar a cara destapada. É que hai cousas que non se entenden. E se vas pola rúa e non respiras e quitas a careta, pois non pasa nada. Debemos ser un pouco máis transixentes con isto. E iso non ten que ver con coidar e protexer a pantalla. De feito, cando Xinzo participa en eventos do Entroido fóra, os que van os socios da Asociación da Pantalla. Son eles os que nos representan. A min o que me parece fatal de todo isto é cando afecta aos nenos e nenas. E non creo que sexa un acerto levar o estandarte e diferenciarse tan claramente. E non hai que ser de Xinzo para vestir a pantalla. Todos temos dereito a vestila sempre que se faga con dignidade e respecto. Ou sexa que desculpas a todos os que se sentiron discriminados, porque esa non era a nosa intención.

E que se por un lado se están facendo esforzos para invertir e para que sexa un desfile un pouco máis xeitoso. Certo que foi un pouco artificial, pero non cres que o que era o desfile de Xinzo antes, xa se rematou e que mentres non nos demos conta de que iso acabou, imos mal?

Si, pero é que o ano pasado, e hai dous anos e tres, o desfile era un desastre con só dúas carrozas "perralleiras" e así. E isto do que se trata é de crear modelos porque ás veces non tes que gastar 1.500 euros en facer unha carroza. Ás veces hai recursos como alugalas. Hai charangas ou comparsas que saen nun sitio e despois – oes, queredes a miña? son 500 euros–. Porque o importante é a xente que vai na carroza, non a carroza en sí mesma, quen da a animación é a xente.

_MG_6415

O ano pasado, e hai dous anos e tres, o desfile era un desastre con só dúas carrozas "perralleiras" e así.

Podemos falar de charangas e eu creo que xa pasou a época da charanga tamén, non che parece? Agora a xente xa non vai detrás das charangas...

Bueno, eu creo que charangas non hai tantas. Onte había 3. O Entroido de Xinzo é de rúa porque sempre foi así. Eu recordo o cando non había charangas: era unha banda de música ou dúas e bailabamos con elas na praza. Que pasa? Que hoxe os entroidos de Xinzo non teñen nada que ver cos de hai 30 anos, nin 10. Entón hai ocasións en que a comisión organiza animación musical, que ademais a organiza concienzudamente. Pero é que a aglomeración de xente e a proliferación doutro xeito de divertirse, como son este tipo de altavoces e "maquinillos", pois ás veces impiden circular á charanga por unha rúa determinada. Cousas que están derivadas da masificación, da aglomeración cidadá.

Onte non había tanta xente á mañá e a charanga non veu.

A ver, é que hai cousas que son difíciles de cambiar. Mira, igual que coa pantalla, a charanga convértese nun rito e se ti tes unha charanga na praza e outra circulando, a xente quéixase de que a charanga non circula. (impostando) É que a charanga non sae da praza, é que non se move da praza. Joder, se na praza tes 500 personas e están bailando cunha charanga, pois perfecto. Terá que estar aí. Hai xente que non se move, que está esperando a que se mova a charanga porque senón non é entroido. É dificil de cambiar e ademáis na Comisión deste ano atopámonos con xente moi fundamentalista nese sentido. É que se por eles fose quitábase o do Petardazo, o Colgamento e quedabamos con aquilo de hai 40 anos ou 50. Entón, eu creo que as charangas ten sentido que estean pero, ás veces, tamén se bota de menos animación en sitios onde hai unha aglomeración importante. Eses sitios ocúpanos rapacesque teñen unha música bonita ou ás veces métense alí "maquinillos" destes que teñen música que para nada é de Entroido a uns volúmenes desorbitados. O domingo pola noite estiven eu nun mesón cuns amigos. Fóra, xusto enfrente, había un "maquinillo": oito altavoces, unha potencia… e diante del bailando había dez rapaces. A xente nin paraba fóra nin no mesón porque non se podía nin falar. É lle arruínan o negocio. Pero é que hai xente que…