Xinzo, tamén saíu a rúa, contra a violencia de xénero
Case cen persoas realizaron a andaina contra a violencia organizada polo GDR Limia - Arnoia
A nosa veciñanza volveu amosar a súa implicación na loita contra a violencia coa participación na andaina que tivo lugar esta mañá por un tramo do Camiño de Santiago e pola ribeira do río Limia e que estivo organizada polo GDR Limia - Arnoia dentro da campaña “Non peches os ollos” e do programa “O Rural contra a violencia de xénero”.
Acompañados dunha temperatura moi agradable, unhas cen persoas percorreron en pouco máis dunha hora seis quilómetros. A praza Carlos Casares de Xinzo de Limia foi o punto de saída e de chegada do percorrido no que participaron veciños e veciñas de todo o territorio; membros da Asociación Limisi (Asociación de Diversidade Funcional de A Limia); a Alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; a Alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade; concelleiros de Xinzo de Limia así como os membros do GDR Limia - Arnoia.
Unha vez de volta na praza Carlos Casares entregouse diverso material entre os participantes co lema “O rural contra a violencia de xénero” que o nome do programa organizado por AGADER - Axencia Galega de Desenvolvemento Rural - e no que participan todos os GDR galegos. Araceli, membro da Asociación Limisi; e Eva González, Xerente do GDR Limia - Arnoia, leron cadanseu manifesto contra a violencia machista. Ademais houbo unha videoconferencia cos participantes de todas as andainas organizadas polos 24 GDR galegos; a Directora Xeral de Agader, Inés Santos; e a Directora Xeral de Igualdade, Susana López Abella.