Os censados en Xinzo terán prioridade sobre o resto á hora de matricularse no Conservatorio

conservatorio m
Os censados en Xinzo terán prioridade sobre o resto á hora de matricularse no Conservatorio

O pleno municipal sacou adiante a ordenanza que regula a actividade do centro musical

A sesión plenaria do xoves estivo marcada por un único punto sobre a ordenanza municipal que regula a actividade do Conservatorio de Música.

Un ano máis o alumnado que queira optar a cursar os seus estudos musicais na vila deberá pasar unha proba de acceso. A maiores as persoas que estean censadas en Xinzo de Limia terán prioridade sobre aquelas que procedan doutros concellos. Os alumnos e alumnas que xa cursaran o ano anterior terán matrícula directa para o vindeiro curso. A xente que queira inciar a súa formación no centro deberá facer unha pre matrícula.

Así o acordou de novo o goberno municipal nun pleno extraordinario no que o rexedor, Antonio Pérez, destacou que "o Conservatorio cústalle moitos cartos ó Concello que pagamos todos cos nosos impostos, por iso sería unha inxustiza que o alumnado de Xinzo quedase sen praza".

Neste senso a oposición solicitoulle ó rexedor que negocie coa Administración galega a financiación do curso musical. Dende Xinzo Adiante o seu voceiro, Manuel Pérez sinalou que "ten que ser a Xunta quen asuma os gastos do Conservatorio porque é moi caro para as arcas municipais". Nesta mesma liña se manifestan dende o PSdeG, a voceira, Elvira Lama, engadiu que "debería ser unha financiación a catro bandas, Concello, Deputación, pais e nais, e Xunta de Galicia".

Segundo fontes municipais, o Conservatorio de Música cústalle o Concello 281.000 euros ó ano.

Finalmente a ordenanza municipal aprobouse tan só cos votos a favor dos edís do Partido Popular.