Chamamento ao uso responsable da auga en Xinzo

Chamamento ao uso responsable da auga en Xinzo
Publicouse un bando informativo ante a seca que está provocando os primeiros cortes de subministro na comarca da Limia

A seca está causando os primeiros cortes de subministro de auga na comarca e para evitar que se teñan que tomar medidas restritivas en Xinzo de Limia a alcaldesa, Elvira Lama, fai un chamamento ao consumo responsable.

A necesidade de aforrar auga

A rexedora vén de publicar un bando informativo para que os veciños e veciñas tomen conciencia da necesidade de aforrar á hora de empregar este ben escaso nestas datas de verán e ante a escaseza de precipitacións.

O obxectivo é garantir o abastecemento da poboación e tales circunstancias levan á realización dun uso racional, eficiente, axustado e solidario no uso da auga potable.

Pautas para o uso responsable

No bando informativo establécense algunhas pautas para o consumo responsable. Así, non se poderán encher con auga potable piscinas, regar rúas, hortos ou explotacións agrícolas ou lavar vehículos con mangueiras.

Para o aforro da auga establécense as seguintes recomendacións, como por exemplo pechar a billa durante o enxabonado e o cepillado, empregarase a ducha para evitar que se perda a auga e reutilizarase a auga sobrante do lavado de alimentos, entre outras medidas. Tamén se deberán revisar as perdas na rede de abastecemento.