O sindicato deu a coñecer a sentenza do TSXG sobre o recurso interposto contra a RPT despois da reunión da Mesa Xeral de Negociación desta mañá
REDACCIÓN
Twitter: @Dendealimia
A Confederación Intersindical Galega daba a coñecer esta mañá, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o recurso que interpuxera contra a Relación de Postos de Traballo Municipal (RPT) aprobada polo consistorio limiao no pleno do 27 de decembro de 2012. A resolución xudicial opta por anular este acordo por violación do dereito de liberdade sindical e negociación colectiva, o que a CIG considera unha vitoria: Conseguimos anular unha inxusta decisión do Concello de Xinzo dirixida a lanzar unhas oposicións á carta e menoscabar os dereitos do persoal do Concello.
Ademais da RPT, o xuíz Benigno López considera tamén inválida a proposta de actuación prioritaria en materia de racionalización e regulación do persoal municipal, e as Bases de Contratación. Así, desde o sindicato aseguran ter botado abaixo toda a arquitectura argumental construída polo alcalde para reducir o salario do persoal.
O próximo paso da CIG será denunciar a discriminación que supón a redución salarial do persoal. Así o deixaba claro esta mañá, trala reunión da Mesa Xeral de Negociación, integrada polo grupo de goberno e os representantes sindicais para tratar o orzamento de 2014.