A Comisión do Entroido presenta o cartel do 2018

IMG_1078
A Comisión do Entroido presenta o cartel do 2018

Este ano, como xa se expuxo anteriormente, a imaxe "corporativa" do Entroido foi deseñada por unha empresa de deseño

Hoxe mércores, día 13 de decembro, fíxose público o cartel do Entroido de Xinzo de Limia 2018 no Museo Galego do Entroido da mesma localidade.

Este ano, como xa se expuxo anteriormente, a imaxe "corporativa" do Entroido foi deseñada por unha empresa de deseño –PlanB Estudio e Manuel Formoso, deseñador limiao–, en contra de empregar o método de outros anos que consistía na elaboración dun concurso popular de carácter aberto. O motivo desta elección radica principalmente na busca de maior calidade e unidade estética dentro do eido promocional e publicitario do Entroido. Será a partir de agora cando as RR.SS. empregadas pola comisión empecen a funcionar usando esta imaxe.

É intención da comisión reforzar este eido promocional e publicitario mediante un pack audiovisual formalizado en tres capsulas de contidos etnohistóricos (entrevistas, microdocumentais, etc.) que axuden a preservar e promover o sentir entroideiro na súa vertente tradicional contando este ano con colectivos xa extintos, comparsas, ou charangas do Entroido limiao anterior ós anos 80. Este proceso está en vías de desenvolvemento querendo sacar á luz tres cápsulas dende finais de decembro ata os días previos ó comezo do Entroido en Xinzo.

Adiantase parte da programación que se desenvolverá este ano no Entroido contando cun total de 15 charangas.

Adiantase parte da programación que se desenvolverá este ano no Entroido contando cun total de 15 charangas onde teñen cabida, por suposto, os colectivos musicais locais como principais protagonistas da festa como a "Charanga XL" ou a "Achicoria", outros provinciais e autonómicos como a "Charanga BCB" ou a "Santa Compaña" e algún colectivo de Castela e León como a "Charanga La Nota". Así mesmo, organizaranse actividades infantís destacando o concerto de "Uxía Lambona e a Banda Molona" que terá lugar o Luns de Entroido, ou a animación no Domingo de Piñata a cargo da compañía "Hípica Celta". En canto ás orquestras, este ano poderanse ver o Domingo e Martes de Entroido e o Domingo de Piñata a "Orquestra Jerusalén", "Marbella" e "Os Satélites". Como novidade principal no eido musical destaca a actuación do "Sonoro Maxín" o Venres de Entroido na Praza Maior.

O desfile deste ano leva consigo varias sorpresas: tentarase facer un desfile máis curto pero con maior potencia aínda que o que máis destaca é a intención que ten a comisión, en colaboración coa A. C. "A Pantalla", de reforzar o aspecto tradicional da actividade mediante recreacións dos Domingos previos de Entroido no propio desfile podendo mostrar os ritos que conforman a nosa tradición. Poderase ver un pequeno Fareleiro, un pequeno Oleiro ou un grupo de Pantallas, símbolo do Corredoiro, pertencentes a A .C. "A Pantalla", durante o evento.

Ademais repetirase o desfile infantil o Venres de Entroido, coa participación non só dos colexios da vila se non que se achegarán ó evento centros de toda a contorna, todo acompañado por tres charangas.

A comisión encargada da parte tradicional manterá o Colgamento do Meco como o ano pasado engadindo certos traxes tradicionais recuperados este ano como os peliqueiros (similares ós que se poden ver no Entroido Ribeirao) ou unha nova Vaca, elaborada con técnicas e materiais tradicionais, susituindo a empregada en anos anteriores, no desfile que sairá dende a Praza de Oriente e rematará no Praza Maior onde terá lugar unha comida popular amenizada polo grupo "Pelepau". Como principal novidade no eido tradicional destaca a contratación de varios grupos tradicionais, da vila e a comarca da Limia, para a xornada do Domingo do Oleiro que nos deleitaran durante toda a xornada coa súa música e, para rematar ca festividade, o grupo "O Fiadeiro" que presentará un espectáculo similar o que se podía ver nos anos 50 e 60 nos entroidos ourensáns: unha verbena con certo parecido o que a Banda de Celanova mostraba en Xinzo nestas datas. Este colectivo ademais estará acompañado por un corpo de baile que incentivará ó público a participar no baile.

No eido das infraestruturas contarase cun maior sistema de limpeza, proporcionando máis puntos para o lixo.

No eido das infraestruturas contarase cun maior sistema de limpeza, proporcionando máis puntos para o lixo e reforzando a recollida deste nos días máis potentes da festividade, ademais este ano contarase durante o Sábado e o Luns de Entroido cun posto de mando avanzado gracias a Dirección Xeral de Seguridade de Galicia. Así mesmo o problema do "botellón" intentarase controlar dentro das medidas e ámbitos legais posibles recalcacando, segundo o Concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, "a dificultade que este problema supón non só a nivel de limpeza se non tamén no marco económica e social xa que as grupos que así o practican deixan de se inmiscuír no Entroido de Xinzo. Dende Xunta de Seguridade Local buscaranse formulas como a mellora dos controis dos autobuses que cheguen a Xinzo, etc." O concelleiro matiza que "o Entroido de Xinzo é un Entroido tradicional e para gozalo a xente ten que ser participe del e o "botellón" fraco favor lle fai a isto".

A comisión comezará con brevidade a recadación de patrocinios mediante un método que busca, sobre todo, a transparencia. Pedirase apoio económico ós establecementos da vila mediante o ingreso nunha conta bancaria que proximamente será publicada nas RR.SS. e, como novidade, tentarase concienciar a xente de a pé para que eles tamén patrocinen o Entroido a título individual.

O concelleiro de Cultura, como representante municipal, destaca o traballo da comisión, a máis numerosa de todas as comisións ata o de agora, pola forma que ten de traballar, mediante a división de marcos de actuación, respectando a pluralidade e o consenso como principais ferramentas e recalcando que "o Concello estará en todo momento apoiando á comisión, sobre todo economicamente, en todo o que as súas competencias o permitan para seguir a mellorar a festa."

O Entroido de Xinzo de Limia está a piques de rematar a memoria para conseguir que o Entroido de Xinzo de Limia se convirta en "Festa de Interese Internacional" aínda que, como di o concelleiro "non é unha tarefa sinxela nin barata pois son necesarias 10 noticias de 10 medios internacionais de diferentes países." O Concello segue a traballar no asunto e espera que en breves se consiga esta denominación.