- O Concello aproba nun pleno extraordinario a incorporación de 210.537 ao seu orzamento, o que permite abonar as facturas reparadas fai dous meses pola Intervención
Xinzo paga dunha vez as facturas dos pequenos provedores: “Cumprimos con eles”, explica Lama
A Corporación de Xinzo de Limia celebrou onte a mañá un pleno extraordinario urxente para aprobar expedientes económicos antes da finalización do presente exercicio. Co voto a favor de todos os grupos deuse luz verde á incorporación de 210.537 euros de aportacións do Estado ao orzamento municipal. Desta cantidade, 45.154 euros destinaranse a abonar as facturas afectadas polo reparo da Intervención que se aprobou no pleno do 9 de setembro, todas as dos pequenos provedores da entidade local.
O resto da aportación destinarase outros pagos, a diferentes actividades culturais e a reforzar a programación de Nadal. A alcaldesa, Elvira Lama, destacou a importancia deste trámite: “Son facturas de pequenos provedores locais cos que este grupo de goberno intenta cumprir o antes posible”.
Co pago de 45.154 euros en facturas farase fronte á práctica totalidade das reparadas pola Intervención municipal fai so dous meses, máis do 90 % daquelas, quedando pendentes ás do gas, pois o goberno decidiu iniciar un proceso de negociación coa empresa comercializadora despois do notable incremento dos prezos da enerxía.
DEMOLICIÓN DA PRESA DE GUDÍN
Coa abstención da concelleira non adscrita, Montse Lama, e o voto en contra do Partido Popular, tamén saíu adiante a ratificación da segunda addenda modificativa do convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Xinzo de Limia sobre o financiamento e execución do proxecto de demolición da presa de Gudín no río Faramontaos. Esta demolición, de obrigado cumprimento debido a unha directiva europea, está a sufrir retrasos na súa tramitación por parte do Ministerio, polo que agora se amplía nun ano o prazo para levala a cabo.
Este é un tema que colea desde fai anos. De feito, Elvira Lama lembrou no pleno de hoxe que foi no ano 2018, co goberno anterior, cando se lle requiriu ao Concello un proxecto de demolición para esta presa, unha vez vencida a concesión, sen que o goberno de entón presentase recurso algún, no caso de que non quixese demoler a presa, nin tampouco o proxecto de demolición, no caso de cumprir co requerimento.
Unha vez que o actual goberno tomou posesión, unha das súas primeiras xestións foi buscar a financiación para unha demolición á que estaba obrigado por lei, logrando que a Confederación Hidrográfica aportase o 80% da mesma. De no ser así, o Concello tería que asumir o 100% da obra, que ascende a 1,2 millóns de euros.