O Concello aproba un orzamento para o 2022 que ascende a case 8 millóns de euros

Asistentes ao pleno de aprobación dos presupostos
O Concello aproba un orzamento para o 2022 que ascende a case 8 millóns de euros
“As inversións feitas e as que están programadas marcarán un antes e un despois na historia de Xinzo de Limia, cun goberno que non descansa na procura de financiación externa” (Elvira Lama)

IMG_6295

Realista. Esta é a palabra coa que a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, define o orzamento para o ano 2022, aprobado no pleno extraordinario desta mañá co voto en contra do Partido Popular e antes de despedir o 2021. O presuposto conta cun apartado de ingresos dun total de 8.007.000 euros, mentres que o de gastos alcanza os 7.846.000 euros. As contas contemplan a redución do 2% que esixe o Ministerio de Facenda ao estar o concello sometido a un plan de axuste, debido a deficiente xestión económica realizada nos anteriores mandatos. Neste senso, a rexedora explicou que o orzamento está “baseado no control do gasto público, buscando sempre a eficiencia e eficacia na xestión dos recursos”. Tamén insistiu Lama en que as contas “son as mellores que se poden presentar nu contexto como o actual”.

IMG_6251En canto as inversións, as actuacións pendentes de realización para o 2022-2023 ascenden a case 4 millóns de euros, destacándose algunhas como a rehabilitación do edificio multiusos das piscinas ou a reforma dos accesos ao municipio pola avenida de Madrid e a de Ourense.
Durante a sesión tamén se deu conta dos proxectos levados a cabo ao longo do último ano. A alcaldesa, Elvira Lama, enumerou ata unha trintena, dende a reforma da praza do Conservatorio, a substitución e reparación de lousas do casco vello ou o plan de accesibilidade, entre outros. “As inversións feitas e as que están programadas, tanto na vila como no rural, marcarán un antes e un despois na historia desde concello, cun goberno que non descansa na procura de financiación externa doutras administracións coa menor aportación municipal posible”, engadiu a rexedora.
IMG_6284

Tamén quixo Lama poñer o acento nas cifras asegurando que estas reflexan que “con todas as limitacións ás que estamos sometidos, este grupo de goberno leva investido máis en estes dous anos e medio que o anterior grupo en todo o mandato”.

Co orzamento que se vén de aprobar en pleno, o executivo local tratará de dar resposta as demandas dos veciños e veciñas, dando cobertura as situacións de dificultade de moitos autónomos que seguen cos seus negocios abertos, mediante a exención da taxa do lixo. Tamén cómpre destacar a exención por segundo ano da taxa de terrazas, mesas e cadeiras en vía pública e a exención de licencias de apertura. Neste senso, o concelleiro de Facenda, Manuel Pérez Campos, afirmou que a intención é que este presuposto sexa máis social, “porque a situación obriga a que sexa así e seguiremos traballando para que a sociedade estea cuberta”.

AGRADECEMENTO A INTERVENTORA MÓNICA LEGAZPI

2

Antes de rematar este pleno extraordinario recoñeceuse a labor da interventora, Mónica Legazpi, que deixará de prestar servicio no concello despois de cinco anos e á que se obsequiou coa figura dunha pantalla. Aínda que Legazpi seguiu o pleno de forma telemática por motivos de saúde, mostrouse moi emocionada cando a alcaldesa recoñeceu a súa dedicación e o seu “bo facer ao servizo do Concello e de todos os veciños e veciñas”.