O Concello faralle test da covid-19 ao seu persoal para tranquilizar á cidadanía e atallar rumores e dúbidas

casa concello noite
O Concello faralle test da covid-19 ao seu persoal para tranquilizar á cidadanía e atallar rumores e dúbidas

A alcaldesa, Elvira Lama, optou entón por anunciar a realización de probas a todo o persoal da entidade local para frear o alarmismo

O Concello de Xinzo faralle test a todos os seus traballadores. A decisión foi comunicada esta mañá pola alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, á comisión municipal de seguimento do Covid-19, convocada expresamente tras a confirmación dun caso activo entre o persoal municipal.

Este positivo, de orixe intrafamiliar e que recibiu a confirmación da súa PCR onte pola tarde, é dun traballador que levaba desde o mércores da semana pasada sen ir polo Concello, despois de ter aparecido un caso dubidoso na súa casa.

Ante esta circunstancia, e despois de consultalo coa xefatura territorial de Sanidade e cos responsables do Centro de Saúde Xinzo, así como con Riscos Laborais, o goberno local de Xinzo acordou manter a Casa Consistorial aberta, dado que ao levar esta persoa seis días sen ir a traballar o risco de contaxio é nulo, tal e como confirmaron as autoridades sanitarias.

Aínda así, e dada a insistencia do PP en que había que pechar o Concello e de trasladar dúbidas sobre a posibilidade de que puidera haber outros casos entre os traballadores municipais, a alcaldesa acordou realizarlle test a todo o persoal para tranquilidade propia, así como dos cidadáns que acoden cada día á Casa Consistorial.

Con esta decisión, o Goberno Local tamén pretende acabar cos rumores e as dúbidas que so provocan unha alarma innecesaria e distraen sobre o realmente importante, que é a máxima prudencia e responsabilidade individual para reducir ao máximo o risco de contaxios.

En paralelo, unha vez que esta mesma semana a Consellería de Sanidade empezou a comunicarlle ao Concello os casos activos, o Goberno local tamén acordou publicalos nas súas redes sociais polo menos dúas veces á semana.