O Concello instalará sinais de “tráfico” en contra da violencia de xénero en diferentes rúas e lugares de Xinzo

88
O Concello instalará sinais de “tráfico” en contra da violencia de xénero en diferentes rúas e lugares de Xinzo

O xoves, 25 de novembro, está prevista unha concentración e a lectura dun manifesto na Praza Maior, ademais da colocación dun punto informativo

Que a loita contra a violencia de xénero non se esqueza cando a folla do mes de novembro caia do calendario. Este é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia, que instalará nas súas rúas sinais similares ás que regulan o tráfico e indican lugares con lemas de repulsa a esta lacra social. No que vai de mes, moitos veciños e veciñas mostraron o seu compromiso para eliminar este tipo de violencia contra as mulleres en diferentes actos públicos que tiveron a vila como escenario.

88888888888888888Así, preto dun cento de persoas participaron na andaina organizada polo GDR Limia-Anoia que, baixo o lema “Non peches os ollos”, percorreu 6 quilómetros ao redor do río Limia e por un tramo da Vía da Prata. Ademais, na Casa da Cultura representouse unha obra teatral con tres premios María Casares e que mostrou a cruenta realidade da violencia de xénero. O espectáculo “Invisibles”, creado a partir da novela homónima de Montse Fajardo, presentou ao público diversas historias reais protagonizadas por mulleres galegas.
O xoves 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Xinzo de Limia seguirá mostrando o seu compromiso con esta loita. Está prevista unha concentración e a lectura dun manifesto para as 12.00 horas na Praza Maior, ademais da instalación dun punto informativo neste mesmo emprazamento e en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Educando dende a igualdade nos centros educativos da vila

Para que os máis novos saiban identificar os diferentes tipos de violencia de xénero e poidan así denuncialos, o Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Infomación á Muller, levou a cabo unha campaña de prevención nos IES da vila. Déronse a coñecer aos estudantes os recursos e ferramentas que existen ao dispor das mulleres que sofren violencia de xénero ou daquelas persoas que sexan coñecedoras doutras que estean pasando por esa situación.

Para os próximos días, mañá no CEIP Carlos Casares e o xoves no CEIP Rosalía de Castro, programáronse charlas e dinámicas encamiñadas a sensibilizar a nenos e nenas na importancia de identificar e detectar actitudes e comportamentos que implican violencias machistas, co obxectivo de previr estes casos.