Os veciños e veciñas de Xinzo, ata un máximo de 90 polas limitacións de aforo debido á pandemia, serán informados o martes das conclusións e propostas que expón un informe sobre a estado das árbores do municipio que se atopan en espazos públicos, tanto parques como alamedas e zonas verdes.
O Goberno local encargou este informe xa o ano pasado, para examinar dun xeito exhaustivo a saúde das distintas especies arbóreas, nun momento no que os espazos o aire libre son mais necesarios que nunca e é preciso que estean nas mellores condicións posibles.
A tarefa requiriu de técnicos especialistas para a diagnose de cada especie, realizada a través de medicións que posibilitaron unha radiografía exhaustiva da saúde de cada exemplar. Ditos especialistas, un doutor en investigación agraria e un enxeñeiro agrícola, xa visitaron os parques o pasado mes de novembro, na primeira inspección ocular, acompañados polo concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad. Logo, eesprazáronse de novo no mes de febreiro para tomar mostras, medicións e elaborar fichas de cada especie en cada espazo, así como para facer a diagnose concreta e as proposta de solucións.
O resultado do traballo e as propostas de actuación serán presentadas o martes á veciñanza nunha reunión aberta pero con aforo limitado pola covid
Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo dos profesionais nesta materia, acometeranse as correpondentes accións de saneamento e mantemento das distintas especies. Ata o de agora nunca se pedira asesoramento especializado, facéndose tan so as podas na época do ano nas que correspondía e que nalgúns casos nin sequera eran necesarias ou ben facíanse dun xeito tan agresivo que danaban ás propias árbores.
O informe, que será presentado á veciñanza pola especial sensibilidade que existe no concello con relación ás arbores, tamén inclúe propostas das especies mais axeitadas para que as plantacións que se fagan redunden no beneficio da especie, do espazo e da saúde dos veciños e veciñas, creando así entorno de ocio e gozo de calidade.
CONVOCATORIA Á VECIÑANZA
Para explicar as distintas problemáticas e os traballos que haberá que levar a cabo a curto medio e longo prazo nas masas arbóreas, o grupo de goberno decidiu convocar unha reunión aberta a cidadanía para o vindeiro martes, día 2, ás 19:00, no salón de actos da casa da cultura.
Por mor da situación sanitaria o afora está limitado a 90 persoas e cos protocolos establecidos segundo a normativa sanitaria.