viernes 22/10/21

O Concello de Xinzo substituirá e reparará lousas en 6 rúas do casco vello á espera da súa reforma integral

Os traballos minimizarán os riscos de caídas e lesións e mellorarán a imaxe do núcleo central do casco histórico, polo que transcorre a Vía da Prata

Rúa Galicia
Rúa Galicia

Que as lousas deterioradas do casco histórico non sexan un escollo para os peóns nin empanen a beleza deste singular espazo de Xinzo de Limia por onde pasa a Vía Prata. Este é o obxectivo do Concello, que acometerá obras nas rúas Peto, Santamariña, Galicia, Lepanto, San Roque e Constitución, deterioradas pola circulación de vehículos pesados. Trátase de minimizar os riscos de caídas e lesións para veciños e visitantes, ao mesmo tempo que se ofrece unha mellor imaxe do corazón da vila.

A orografía do terreo e a pouca resistencia do firme provoca as roturas das lousas, que xa foron obxecto de melloras nos últimos anos. “Esta é unha necesidade urxente, que acometeremos tamén de forma urxente dado que levamos xa máis dun ano esperando pola subvención do plan Hurbe. O estado do firme é calamitoso e temos que levar a cabo as obras canto antes”, sinalou Ramón Gómez Salgado, concelleiro de Urbanismo no Concello de Xinzo de Limia.

A rúa San Roque, que conecta a Praza Maior co Parque do Toural, en Xinzo de Limia. | FOTO: Luis Veloso.Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente de luz verde á subvención solicitada con cargo ao Plan Hurbe e se poida levar a cabo una actuación máis completa, o executivo local comezará os traballos en tanto se complete o trámite administrativo para a súa contratación, en calquera caso para que as obras se executen de forma inmediata.

Cómpre destacar que o proxecto presentado á Xunta de Galicia dentro do denominado Plan Hurbe pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 %.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama ,confía en que a execución deste proxecto impulse a recuperación da actividade dentro da parte máis antiga da vila e que actúe como foco de atracción: “Esta é unha obra esencial para revitalizar o sector económico da vila potenciando o pequeno comercio que se estende por esta zona, na que hai tendas familiares, despachos profesionais e establecementos de hostalaría”, explica Lama. Unha vez executado, a humanización continuará polo resto de rúas do casco antigo.

Nova iluminación e mobiliario urbano

Para executar a obra incluída no Plan Urbe levantarase a liña central de pedra das rúas e aplicarase un material de achega compactado. Colocaranse, do mesmo xeito, laxas pétreas recuperadas e lastras. Ademais, substituiranse as luminarias e eliminarase o cableado.

Tal e como se contempla no proxecto, instalarase novo mobiliario urbano, concretamente, bancos, xardineiras e novas papeleiras.

Comentarios