O Concello de Xinzo e Viaqua crean un fondo para fins sociais

IMG_20200623_114259
O Concello de Xinzo e Viaqua crean un fondo para fins sociais
Coidar da nosa contorna e dos nosos recursos hoxe é garantía para o desenvolvemento do mañá

O Concello de Xinzo e Viaqua poñen en marcha un fondo social cuxa finalidade será, entre outras, axudar a abonar os recibos de auga a aquelas persoas en risco de exclusión social.

O fondo recibirá unha achega dun euro ao ano por cada cliente que se sume ao proxecto “Factura Sen Papel”, unha iniciativa baseada en tres piares fundamentais: coidar da nosa contorna fomentando o aforro de papel, potenciar a dixitalización do servizo para facilitar as xestións á poboación e facer un servizo socialmente responsable.

. Con esta máxima do Desenvolvemento Sostible, desde o Concello de Xinzo, en colaboración con Viaqua, ponse en marcha a factura sen papel para toda cidadanía, o que permite son so o aforro en papel, senón a comodidade de ter ordenadas e accesibles, a calquera hora do día, as nosas facturas de auga.

A factura sen papel é un servizo gratuíto, polo que o cidadán poderá consultar as súas facturas a través da área de clientes da páxina web de Viaqua (www.viaqua.gal) e arquivalas no seu ordenador para telas sempre localizadas. Outras vantaxes da factura sen papel son: a rapidez, xa que se informa o momento no que se emite a factura; a seguridade, debido a que só o cliente pode recibir os seus datos persoais e de consumo no seu correo electrónico; e a sustentabilidade, debido á importante redución de uso de papel.

Co firme compromiso de ambas entidades na defensa da auga como un dereito social, o aforro que supoña a posta en marcha da factura sen papel destinarase a un Fondo Social de axuda a abonar os recibos de auga a aquelas persoas en risco de exclusión social e para outros fins sociais no municipio.

O Concello de Xinzo e Viaqua dan un paso máis no servizo ao cidadán, a partir do próximo mes de xullo, na defensa da auga como un dereito básico para todas as persoas, e na sólida aposta polo Desenvolvemento Sostible, poñen en marcha o Proxecto “Factura Sen Papel. No caso de que algunha persoa prefira continuar recibindo a súa factura en papel, só terá que comunicalo e automaticamente seguirá dispoñendo dela na súa caixa do correo.