Máis de 50 quilómetros de pistas de Xinzo de Limia cambiaron de imaxe nos últimos días polos traballos de limpeza e desbroce que levou a cabo o Concello. Dous tractores funcionaron a pleno rendemento en máis dunha decena de pistas que serven de enlace entre diferentes núcleos de poboación. Trátase de puntos estratéxicos que comunican distintos puntos da vila e que necesitaban unha actuación urxente.
En concreto, as máquinas traballaron en Cima de Ribeira, Ganade, Casas da Veiga, San Vitoiro, A Manga, Lamas, Guntimil, Mosteiro, Gudes, Gorgoloza, O Raposo, Parada de Ribeira e Damil. Unha vez que se realizou esta actuación de máis de 50 quilómetros de superficie, traballarase en Baronzás, Morgade, Pena e Trandeiras. Ademais, realizarase a contratación da empresa que vai actuar no interior dos núcleos de poboación. Tal e como sinalou o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, cando rematen estes traballos na totalidade dos pobos de Xinzo de Limia, O Concello dará prioridade ás pistas de concentración parcelaria para instalar o regadío.
Asfaltado e perfilado de cunetas
Tamén co obxectivo de mellorar a imaxe e facilitar o tránsito nas pistas da vila, nas últimas semanas realizáronse traballos de asfaltado, bacheado e perfilado de cunetas. Dous viais xa locen renovados. Trátase dunha estrada que une un dos accesos ao centro de Xinzo co lugar de Morgade e outra que comunica As Lamas e Buruxeira. En total, foron máis de cinco quilómetros de obras, sendo esta última pista a que conta con máis superficie renovada.