Unha conselleira con empatía para o programa Hypatía
Elena Rivo visitou Xinzo para seguir o desenrolo do programa Hypatía entre Xinzo, Vilar de Barrio e Sandiás
Onte a tarde a concelleira de Emprego e Igualdade, a ourensá Elena Rivo departiu durante máis de dúas horas coas usuarias do programa, máis de 70 persoas, todas mulleres, que levan recibindo formación e información sobre axudas ás que teñen dereito por idade, formación etc., ademais de información sobre temas psicolóxicos e xénero, para que unha vez rematadas as xornadas que duran dous meses con distinto talleres, estean mais preparadas para enfrontarse ao día a día, tanto no ámbito laboral, como no persoal e na vida familiar.

Acompañaban a conselleira o delegado da Xunta Gabriel Alén e a Secretaria Xeral da consellería estando presentes o alcalde de Xinzo como anfitrión do acto e os alcaldes de Vilar de Barrio e Sandiás.
Laura Seara, organizadora do proxecto Hypatía foi a encargada de explicarlle a conselleira o que se levaba feito, ao igual que aos alcaldes e demostrando con feitos a importancia de levar a cabo estes programas no rural, solicitando da consellería que siga apoiando os mesmos en anos vindeiros.
Moito traballo para conseguir que as usuarias acudiran aos talleres

Felipe Traveso alcalde de Sandiás despois de agradecer a colaboración económica da Xunta e da consellería enfatizou no senso de que ao principio costou moito que as usuarias accedesen a realizar os distintos talleres. Fixeron falta moitas chamadas telefónicas, pero unha que acudiron, seguiron asistindo e colaborando. Animou ás presentes e as ausentes para sigan asistindo. Felicitou ao equipo de Red Talento capitaneado por Laura Seara, a cal felicitou polo traballo realizado esperando a que o ano que ven o siga facendo coa axuda da Secretaria Xeral de Igualdade.
Non se esqueceu de agradecer a colaboración do concello de Xinzo, antes con Elvira Lama e agora con Amador, que como xa dixera pola mañá noutro acto, fano moi fácil.
NOS SERVICIOS SOCIAIS, ESTAMOS ORGULLOSOS DO FEITO NESTES 4 ANOS E MEDIO

Tomou a palabra despois o alcalde de Vilar de Barrio Manuel Conde, despois de agradecer a colaboración e a presenza da conselleira matizou que aínda que o noso concello estea “discriminado” con respecto aos da contorna, Sarreaus lévanos 20 anos por diante e Xinzo case que 50, no tema de Servizos Sociais, non temos nada que envexarlle, porque o noso traballo aínda que invisible e de moitas horas, por suposto coa axuda da Xunta, se non sería imposible facer nada, estamos orgullosos do feito durante estes catro anos e medio. O que se está conseguindo e moi importante, sobre todo de por en valor o que a muller representa.
Amador Díaz, alcalde de Xinzo, tocoulle tomar a palabra en último lugar, antes da Conselleira manifestando que se comezou co mandato de Elvira Lama, presente tamén no acto, que foi a colaboración de todos os concelleiros da corporación de Xinzo e cos concellos de Sandiás e Vilar de Barrio, ten que continuar durante toda a lexislatura, contando neste ámbito no que hoxe estamos, coa axuda tamén do grupo de persoas que compoñen o equipo que está a levar a cabo o programa Hypatía. Con programas como este podemos chegar a xente que doutra maneira é moi difícil cos medios que temos nos concellos.
Conselleira
Por último, e antes de departer coas usuarias do programa dunha maneira máis informal e distendida, rematou o acto manifestando o orgullo que lle producía estar en Xinzo, invitada por Laura Seara, falando deste programa, e de outros da súa consellería e animando aos alcaldes para que “fixeran a pelota” a Secretaria Xeral para que siga apoiando estes programas pola importancia que teñen para as persoas, neste caso mulleres, que o necesiten. Tanto eu como a secretaria xeral, que somos de Ourense e Lugo, entendemos perfectamente as necesidades do rural, polo que brindamos o apio para continuidade destas accións.
Animou aos alcaldes seguir traballando no senso da igualdade e nos diferentes programas que as súas Direccións Xerais están preparando para o vindeiro ano dos que recibirán pronta información.

POLOS DE EMPRENDEMENTO EN BAÑOS DE MOLGAS
Presentou tamén os polos de emprendemento que é unha ferramenta para seguir traballando en temas de igualdade e emprego. Nestes lugares as persoas necesitadas recibirán información sobre as necesidades para todas aquelas persoas emprendedoras, información totalmente gratuítos.
O seguinte Polo de Emprendemento estará abicado en Baños de Molgas e estará aberto a todos os alcaldes da zona e calquera persoa, home ou muller que queira emprender. Esta persoa recibirá información de todos os campos necesarios incluíndo por suposto as axudas e o acompañamento sobre todo para aquelas persoas que regresan das cidade para instalarse no rural.
Agradeceu unha vez máis a invitación de Laura Seara e animou a todos a seguir traballando a prol da igualdade e o emprendemento.
Rematado o acto departiu cos alcaldes presentes e sobre todo coas usuarias do programa presentes no salón.