As contratacións de Antonio Pérez, “unha perversión do sistema”

As contratacións de Antonio Pérez, “unha perversión do sistema”

Así define o maxistrado José Andrés Verdeja as actuacións irregulares en Xinzo nas tres novas sentenzas que se coñeceron onte

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Antonio Pérez suma tres sentenzas máis ao seu rosario de contratacións irregulares. Coñecíanse onte e levan a firma de José Andrés Verdeja, o titular do Xulgado do contencioso- administrativo número dous de Ourense. De novo, estas disposicións anularon os contratos correspondentes por “desviación de poder”, concorrendo no que o xuíz definiu como “perversión do sistema”, pois segundo o letrado o que se buscaba desde o Concello era converter en indefinidas a “persoas concretas e afines”.

Este tipo de contratos realizados polo municipio limiao no exercicio de 2012 estaban expresamente prohibidos por un real decreto do goberno de Mariano Rajoy que motivado pola crise, decidiu restrinxir as contratacións de persoal nas administracións locais. Así solo estaban permitidas aquelas “de persoal interino en determinadas circunstancias de carácter excepcional e para necesidades urxente e inaprazables, e sempre que se trate de servizos públicos esenciais”. Unhas características que estes tres contratos de limpadora, auxiliar administrativo e axudante de actividades culturais, non cumprían a ollos de Verdeja e que complican un pouco máis a situación do Concello de Xinzo de Limia e do seu alcalde.