Cristia Margusino, xa ten a medalla de ouro do concello de Xinzo

Cristina Margusino e Elvira Lama
Cristia Margusino, xa ten a medalla de ouro do concello de Xinzo

A profesional, que traballou 11 anos no centro de saúde da vila, sentiu o agarimo de moitos veciños e veciñas, nos que deixou unha fonda pegada e que quixeron acompañala enchendo o salón de plenos

Cristina Margusino, unha médica de profesión, pero aínda máis de vocación, recibiu esta mañá a Medalla do Concello, nun emotivo acto no que se destacou o seu traballo incansable a prol da humanización da medicina e o seu compromiso polo rural, convertendo a Xinzo de Limia nun referente en atención sociosanitaria. Margusino, profesional sempre entregada aos seus pacientes, quixo dedicarlles fermosas palabras no seu discurso: “Recordo a todos con agarimo, tamén as súas familias. Gloria coas súas rosquillas, a encantadora Mercedes... Enfrontáronse á enfermidade con dignidade. Non esquezo a súa mirada”.

20230401_121239

A profesional, que traballou 11 anos no centro de saúde da vila, foi arroupada neste acto institucional por numerosos veciños e veciñas de Xinzo de Limia. Cristina Margusino agradeceu á alcaldesa, Elvira Lama, e ao Concello o recoñecemento e, facendo gala da súa humildade, asegurou que “non teño máis mérito que exercer a medicina con responsabilidade”. A todos os presentes mostrou o seu maletín de médica, que a acompaña dende hai 30 anos e que afirma que está cargado non só de material, senón tamén de compromiso.

A rexedora destacou a fonda pegada que deixou Cristina Margusino nos seus pacientes. Lembrou que neste ambulatorio foi onde puxo en marcha proxectos integrais de saúde e, no ano 2019, promoveu as Xornadas de Atención Sociosanitaria no Rural cun obxectivo principal: humanizar a asistencia médica. Estas xornadas lograron a Primeira Beca de Medicina Rural, un recoñecemento outorgado pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia SEMG.

20230401_120558
Momento do acto de entrega da medalla de Ouro

Outorgándolle a Medalla de Xinzo, o Concello valora a dedicación plena de Cristina Margusino durante máis dunha década a mellorar a saúde e os hábitos de vida da veciñanza, así como a súa abnegada entrega a poboación limiá, en estreita colaboración co goberno local de Xinzo, durante os duros tempos da pandemia.

Elvira Lama pechou este acto institucional asegurando sentirse “moi honrada de facer esta homenaxe a unha persoa, sobre todo, boa, e as persoas boas deben permanecer na vida deste pobo”.