Cinco días máis de prazo para solicitar axuda para material escolar

materialescolar-kd9B--1200x630@abc
Cinco días máis de prazo para solicitar axuda para material escolar
O concello de Xinzo amplía o prazo toda a semana que ven

o Concello de Xinzo de Limia quere tender unha man aos que máis o precisan. Deste xeito, decidiu ampliar o prazo para solicitar axudas para adquisición de libros de texto e material escolar para alumnos de 3 a 5 anos.

O executivo local foi informado, a través da dirección dos centros escolares, de que na maior parte dos cursos de Infantil o primeiro día de curso daríase a coñecer o material necesario, polo que en moitos casos as compras retrasaríanse á próxima semana. O último día para presentar as solicitudes a estas axudas era hoxe, polo que decidiuse establecer unha ampliación do prazo en cinco días hábiles máis. Deste xeito, preténdese que sexan máis familias as beneficiarias.

O Concello de Xinzo ofrece axudas para adquisición de libros de textos e material escolar a alumnos matriculados en centros docentes públicos para o curso 2021-2022. As subvencións destínanse a escolares de educación infantil (de 3 a 5 anos), toda vez que os bonos da Xunta de Galicia non cobren a este grupo de idade. Deste xeito, os fondos chegarán a un maior número de beneficiarios nunha época na que son moitos os veciños que sofren as consecuencias da crise económica que trouxo consigo a pandemia.

Ás axudas poderán acollerse aquelas familias que non superen un determinado nivel de renda e cumpran as restantes condicións que se determinan na convocatoria. A documentación pode consultarse na páxina web do Concello de Xinzo, que tamén informa de que para solicitar a subvención será necesario aportar, xunto coa restante documentación que nas bases se indique, as facturas xustificativas da compra de libros e material escolar. A subvención máxima por neno será de 75 euros.