A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá a biblioteca do Instituto Lagoa de Antela

Alcaldesa, Directora Xeral, Carlos Gómez e Antonio Fdz.
A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá a biblioteca do Instituto Lagoa de Antela
Gabou a implicación de toda a comunidade escolar na actividade da biblioteca do centro

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá a biblioteca do Instituto Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, onde gabou a implicación de toda a comunidade escolar na actividade da biblioteca do centro. “Estamos a falar dun espazo que forma parte do Plan de mellora durante 16 anos consecutivos e que participa tamén no programa de Clubs de lectura desde hai unha década, unha actividade que ten moito éxito entre o alumnado”, explicou.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou a alumnos e docentes por este dinamismo, especialmente ao equipo da biblioteca, coordinado desde os seus inicios por Ana Mª Escudero. Froito destas prácticas excelentes, esta biblioteca integrouse recentemente no programa LÍA.3, ao abeiro do que se converteu nun laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.

Entre outras novidades presentadas polos alumnos á directora xeral, o centro instalou paneis para expor os traballos realizados na biblioteca, un recuncho artístico- creativo, un espazo multifuncional para obradoiros ou encontros con escritores e un lugar específico para a reunión dos Clubs de Lectura, no que é máis sinxelo interactuar cos estudantes participantes.