Dous veciños de Xinzo condenados a seis meses de prisión

Exterior do edificio xudicial de Xinzo de Limia
Dous veciños de Xinzo condenados a seis meses de prisión

A fiscalía rebaixou de vinte a seis os meses de prisión tralo recoñecemento, por parte dos acusados, dos roubos con forza realizados na comarca no pasado ano 2014.

Segundo informa o diario La Región, os veciños de Xinzo de Limia, Antonio G.B. e Matías J.J., aceptaron os seis meses de prisión que pediu finalmente para eles o ministerio fiscal por un delito de substracción de bens para a súa posterior venda. No escrito de acusación, a fiscalía solicitaba 20 meses de prisión, que rebaixou a seis tralo recoñecemento dos feitos por parte dos acusados.

A comisión dos feitos quedara probada o pasado día 6 de marzo do 2015, cando axentes policiais entraran nos domicilios de ámbolos dous acusados no poboado das Riscas, en Xinzo. Na casa de Antonio G.B. atopáronse cun televisor marca LG de 50 polgadas, procedente dun roubo con forza despois de romper unha xanela, perpetrado na madrugada do 17 de decembro de 2014 no centro social de Vilar de Barrio. Así mesmo, no rexistro realizado na casa de Matías J.J. foi atopada unha placa de indución Balay procedente doutro roubo con forza, este perpetrado nunha vivenda particular propiedade de F.L.R., situada na localidade de Forxa (Porqueira), tras romper a porta da entrada. A consecución deste roubo tivo lugar entre os días 8 e 9 de setembro do pasado 2014.