Recoñecemento máximo a doutora Margusino, medalla do Concello

Sesión plenaria do 15.02.23
Recoñecemento máximo a doutora Margusino, medalla do Concello
Tamén se aprobou por unanimidade o proxecto de saneamento do Limia, unha senda e un carril bici.

Sesión curta a que se desenrolou esta mañá no salón de plenos do Concello, no penúltimo pleno ordinario desta lexislatura.

UNANIMIDADE TOTAL

Varios eran os puntos e todos eles foron aprobados por unanimidade de todos os presentes e os ausentes.

Todos os grupos políticos apoiaron o recoñecemento á doutora Cristina Margusino coa Medalla do Concello e a aprobación do convenio entre a administración local e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o financiamento e execución das obras de eliminación de vertidos ao río Limia e a humanización do seu entorno. En relación á homenaxe a Margusino, a alcaldesa, Elvira Lama, sinalou que a data na que se celebrará será concretada nos próximos días e que será posterior ao 18 de marzo, cando está previsto o acto institucional para nomear fillo predilecto da vila a título póstumo a Ramón de la Fuente Galván.

Antonio Fernández (Toni) antes do comezo da sesión
Antonio Fernández -Toni (PP), antes do comezo da sesión

A rexedora asegurou que o recoñecemento a Cristina Margusino “porá en valor a súa traxectoria e o seu traballo, xunto co seu equipo de profesionais do centro de saúde”.

En canto a aprobación do convenio para a execución do proxecto que eliminará os vertidos ao río Limia e humanizará o entorno, cómpre destacar que a actuación suporá unha inversión de 1.420.000 euros. A CHMS aportará o 80% do presuposto total e a administración local o 20%. Coa execución dos traballos permitirase a recollida dos vertidos sen depurar ao río Limia e a súa canalización a un pozo existente da rede municipal, no Toural, que os levaría á EDAR. Paralelamente, estableceranse as actuacións precisas para mellorar as condiciones de mobilidade na zona, a través de senda peonil e carril bici, en ambas beiras do río entre a estrada de Baltar e a ponte da calle Sitibal. A rexedora insistiu en que a actuación mellorará considerablemente o medio ambiente e o urbanismo da zona.

Tamén saíu adiante por unanimidade a prórroga do contrato do subministro de electricidade en alta e baixa tensión a través da Central de Contratación da FEMP, o que suporá un aforro considerable. Na rebaixa da factura tamén terá moito que ver o proxecto para mellorar a iluminación de Xinzo e co que se conseguirá a eficiencia enerxética trala substitución de 4.610 vellas luminarias por tecnoloxía LED.