Edelmiro Martínez Cerredelo-Miro, xa ten as suas credenciais como Fillo Predilecto de Xinzo

Momento da entrega do nomeamento
Edelmiro Martínez Cerredelo-Miro, xa ten as suas credenciais como Fillo Predilecto de Xinzo

No acto institucional, celebrado nun salón de plenos cheo de veciños e veciñas que quixeron mostrarlle o seu cariño, outorgóuselle a Medalla do Concello e a acta enmarcada do pleno no que se aprobou o expediente de honra

O pobo de Xinzo de Limia saldou esta mañá a súa débeda con Edelmiro Martínez Cerredelo, polo valor incalculable do seu traballo investigador en favor da historia do concello e nunha homenaxe na que o salón de plenos quedou pequeno para albergar tanto cariño, a mellor das recompensas. Xa o manifestou a alcaldesa, Elvira Lama, na súa intervención: “Unha boa parte dos limiaos e limiás estabamos en débeda contigo, Miro”. O cronista e historiador foi nomeado fillo predilecto e recibiu a Medalla do Concello. Tamén se lle outorgou a acta enmarcada da sesión plenaria na que se aprobou por unanimidade o expediente de honra para outorgarlle esta distinción a finais do pasado mes de setembro. O acto contou coa música do director da Escola de Banda de Gaitas, Fernando Dopico.

Foto institucional con todos os membros da corporación local que estiveron presentes no acto
Foto institucional con todos os membros da corporación local que estiveron presentes no acto

A rexedora ofreceu un emotivo discurso no que puxo en valor o traballo do cronista local: “Cada libro de Miro é unha homenaxe á memoria colectiva de quen desexa poñer branco sobre negro a unha parte de nós mesmos. Ben sexan as festas, as tradicións, o deporte, a cultura, a historia ou as historias, como dicía, dos nosos devanceiros”.

Momento da firma no libro de honras do Concello
Momento da firma no libro de honras do Concello

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, que exerceu de instrutor do procedemento para acreditar os méritos de Martínez Cerredelo, destacou o “valor incalculable” da súa bibliografía que recolle “séculos da historia do noso concello”. Tamén recordou que a partires do ano 2004 comezou a afondar na historia de Xinzo de Limia e comarca, percorrendo incansablemente arquivos e bibliotecas, facendo valiosas achegas á historiografía de Xinzo e da bisbarra da Limia. Esta importante actividade investigadora deu lugar a publicacións en diversas revistas e oito libros que gozan do recoñecemento da cidadanía, en xeral, e de historiadores de distintas áreas temáticas. Algúns deles son Historia de Xinzo de Limia (2012), O Entroido de Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021) ou Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).

Momento da recepción da medalla de Ouro
Momento da recepción da medalla de Ouro

O homenaxeado asegurou que nunca pensou que escribiría oito libros e numerosos arquivos e que “a miña intención era só saber algo da nosa historia, pero parecíame egoísta non poñer a disposición dos veciños todo o material”. Subliñou tamén que “é un legado do que me sinto orgulloso”. Tamén dedicou emotivas palabras a súa familia, en especial “a miña compañeira de vida María, o apoio máis importante”. Agradeceu ao equipo de goberno esta distinción e engadiu: “Espero que alguén colla o relevo, porque en Xinzo de Limia hai moito que investigar”.

Dous fillos adoptivos co escritor Rafael Laso, Ramiro e a alcaldesa
Dous fillos adoptivos co escritor Rafael Laso, Ramiro e a alcaldesa