Unha edición máis do Concurso de Embelecemento de Balcóns

Casa gañadora dos pobos edición anterior
Unha edición máis do Concurso de Embelecemento de Balcóns

A terceira edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns permitirá a participación online e premiará a orixinalidade dos deseños

Premiar o esforzo da cidadanía por enfeitar a súa vivenda e crear un entorno agradable e saudable. Este é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia que, a través da Concellería de Cultura, convoca a terceira edición do Concurso Xinzoenflor de embelecemento de balcóns e xanelas. Este ano haberá unha novidade: os participantes poderán enviar as fotografías dos seus deseños a través de WhatsApp ou por correo electrónico. Deste xeito favorecerase a implicación veciñal e facilitarase a labor do xurado, que estará integrado por un representante de cada grupo municipal e por tres ou máis veciños que queiran participar na deliberación. De non haber voluntarios, solicitarase a presenza dun xardineiro ou xardineira con titulación.

Xinzo Pobos2

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, confía en que a participación aumente nesta edición, “porque logo de tres anos hai máis xente que coñece o concurso e porque ao facerse online será máis sinxelo para os veciños e veciñas”.

Xinzoenflor pretende afianzar a colaboración entre a cidadanía e o Concello para coidar e mimar os espazos públicos. Os interesados poderán inscribirse ata o 15 de agosto, cubrindo o impreso de solicitude que se poderá descargar na web www.xinzodelimia.gal e enviándoo por correo electrónico ao enderezo concursos@xinzo.gal ou presencialmente nas dependencias da Casa Consistorial. Cada participante deberá enviar, antes do 20 de agosto, unha ou varias fotografías nas que se poida apreciar claramente a ornamentación do seu balcón ou xanela por WhatsApp (604 078 053) ou ao enderezo concursos@xinzo.gal. O xurado poderá visitar as creacións durante os meses de xullo e agosto.

Ao igual que en pasadas edicións, haberá dúas categorías: Xinzo Vila e Xinzo Pobos, e dous premios para cada unha delas. Os galardoados recibirán vales de 100 euros para mercar nos comercios do municipio.

O xurado premiará o balcón ou xanela máis bela e, para iso, deberán empregarse plantas vivas e elementos ornamentais que deberán ser visibles dende a rúa. Valorarase a orixinalidade e a creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía e deseño do conxunto e a laboriosidade.