Elvira Lama , pídelle aos veciños e veciñas que non compren por AMAZON

Elvira Lama , pídelle aos veciños e veciñas que non compren por AMAZON
Lama Fernández apela á “responsabilidade e compromiso co este pobo, cos seus comerciantes e hostaleiros e con nos mesmos”

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, fixo hoxe, a través de un bando, un chamado aos seus veciños de veciñas para que durante este Nadal non merquen en Amazon, Inditex ou outras grandes plataformas de venda online e o fagan no comercio local.

Lama Fernández apela á “responsabilidade e compromiso co este pobo, cos seus comerciantes e hostaleiros e con nos mesmos”, para que as compras destas datas se fagan en Xinzo. “Por moitas razóns: é mais cómodo, é mais seguro e é máis rápido. Pero sobre todo porque os propietarios de todos eses negocios son veciños e veciñas que queremos e que precisamos que sigan estando aí por moito tempo, pois son parte esencial da nosa economía”, explica no Bando.

“Quen non nos precisa neste momento -engade- son AAmazon, Inditex ou resto de xigantes que nin crean riqueza en Xinzo, nin pagan aquí os impostos, nin son os nosos veciños. Non fagamos mais ricos os que xa son ricos, e axudemos aos que están o carón da nosa porta, porque eles si crean postos de traballo en Xinzo e xeran riqueza”.

A contundencia do bando subscrito pola alcaldesa ten unha motivación: “debemos tomar conciencia de que só axudándonos entre todos e todas lograremos saír desta crise cos menores custes sociais e económicos para o noso pobo”, polo que insiste en que “non debemos xogar co futuro de moitos autónomos que cada día abren as súas portas aquí en Xinzo, esperando por nos”.

O bando da alcaldesa de Xinzo coincide co primeiro día da campaña do comercio local, que pretende incentivar as compras e o consumo en Xinzo a través do sorteo de 3.300 euros cada semana en vales de compra. Na mesma participan 118 establecementos, tanto de comercio como de hostalería.