O Concello de Xinzo ,presentou unha memoria ao Ministerio, de remodelación das entradas a Xinzo

accesos3
O Concello de Xinzo ,presentou unha memoria ao Ministerio, de remodelación das entradas a Xinzo
O importe elevarase a 3,2 millóns de euros. A súa realización foi comprometida polo Delegado de Goberno en Galicia, na súa visita de fai uns días.

A estrada N-525 presenta dúas imaxes ben distintas en Xinzo de Limia. Sobre esta vía que atravesa o núcleo da vila desenvólvese a localidade. No tramo central as marxes da calzada atópanse en bo estado, con novos pavimentos e infraestruturas. Non é o caso das entradas na zona urbana, tanto na Avenida de Ourense desde o norte como na de Madrid polo este, con pavimentos en defectuoso estado, tramos sen beirarrúas ou iluminación e redes de saneamento e abastecemento deterioradas.

Lugar onde se pretende facer unha rotondaTendo en conta que ao longo dos últimos anos, gran parte da poboación da localidade asentouse nesta zona, na que non existen os pasos de peóns necesarios e beirarrúas nalgúns puntos, o executivo local proxectou a mellora dos accesos á vila pola N-525. Trátase, máis en concreto, do tramo da Avenida de Madrid que está pendente de reforma e a avenida de Ourense dende a rotonda da avenida de Celanova ata os institutos.
Mellorar a calidade de vida dos usuarios dos servizos é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia, que xa conta cunha memoria para a actuación, que supera os 2,3 millóns de euros. Polo deficiente estado no que se atopan as vías, o Goberno central comprometeuse a financiar as obras e a darlle prioridade con respecto a outras que existen en Galicia.

As obras consistirán na separación do tráfico rodado da estrada das zonas destinadas ao uso de peóns e estacionamentos, así como a dotación de servizos emprazados nas marxes e que con motivo das obras e dada a súa antigüidade, precisan ser repostos. Os dous tramos afectados polos traballos son a Avenida de Ourense, cunha lonxitude de 1.600 metros, e a Avenida de Madrid, con 350 metros.

A primeira fase da actuación será a demolición das aceiras e bordos existentes, así como do pavimento afectado polas obras ou a retirada de mobiliario urbano. A continuación procederase á substitución das redes de abastecemento e á renovación da rede de saneamento e pluviais. Tamén está previsto o soterramento da liña de alumeado. Retranquearanse as luminarias e semáforos para adaptalos á nova aliñación das aceiras, de maneira que permitan, comodamente, o paso de peóns a través das mesmas.
Cómpre destacar que na Avenida de Ourense, tanto na entrada á zona urbana como no entronque da N-525 coa pista dos Castros e a pista do Zepetal, executaranse dúas glorietas de 6,5 metros de radio interior e 14 metros de radio exterior. As rotondas terán a iluminación precisa para garantir a seguridade da circulación e no centro das mesmas plantaranse especies arbustivas. Tamén é salientable a construción dun carril bici que discorrerá pola avenida de Celanova ata os institutos.accesos2

Novos pasos de peóns

Tamén está previsto, entre outras actuacións, proceder ao saneo e recheo da marxe esquerda da Avenida de Madrid, desde o inicio da traza hasta a gasolineira para dotala do ancho necesario para a construción das beirarrúas das que carece actualmente. Na avenida de Ourense procederase á execución dunha vía de servizo por cada unha das marxes, separada da N-525 por unha isleta constituída por un espazo verde. Ademais, nesta zona procederase ao pintado de novos pasos de peóns, actualmente inexistentes, para permitir o paso entre ambas marxes da vía. Estes pasos indicaranse mediante sinalización luminosa para incrementar a seguridade.

O executivo local pretende, a través deste proxecto, eliminar as deficiencias existentes na zona e propiciar un entorno seguro e adecuado para os seus habitantes.