Elvira Lama reivindica o papel das concellos “para chegar aos corazóns e ás conciencias” e lograr unha igualdade real
A choiva non freou as gañas dos veciños de facer visible a súa loita pola igualdade e decenas de persoas achegáronse á carpa para a prevención da violencia de xénero instalada na Praza Maior

Xinzo de Limia coloreouse de morado nun día gris. A choiva non impediu que os veciños se concentrasen en favor da igualdade con motivo do Día da Muller. A Praza Maior foi o epicentro dos actos de conmemoración dende primeira hora da mañá. A alcaldesa, Elvira Lama, alzou a voz e reivindicou o papel dos concellos para lograr a igualdade real: “Somos a Administración da cidadanía, a que lle xera maior confianza. Temos un papel relevante na construción social en igualdade ao sermos quen ten máis capacidade para chegar aos corazóns e ás conciencias, cimentos estes máis determinantes no comportamento”.
O Concello de Xinzo de Limia únese así á declaración da Federación Galega de Municipios que fai fincapé na igualdade para afrontar este momento da historia tan convulso: “A superación da crise sanitaria, económica e social que vén de socavar os alicerces do mundo, ten que pór o foco na figura da muller e pasar necesariamente polo seu reforzamento. O progreso é incompatible coa inxustiza e a mediocridade que presiden a discriminación por razóns de xénero. A valía e dignidade da muller son incuestionables e non poden continuar -baixo ningún pretexto- ameazadas, minguadas nin tan sequera infravaloradas”.

Tamén a Praza Maior foi o escenario no que se instalou unha carpa informativa para a sensibilización e promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, a cargo de persoal do Centro de Información á Muller, e que foi visitada por decenas de persoas.