Elvira Tombo (105) e Eligia Carrera (104) reciben o recoñecemento do Concello de Xinzo

Entrega ramo e regalo a Elvira
Elvira Tombo (105) e Eligia Carrera (104) reciben o recoñecemento do Concello de Xinzo

Ata os seus domicilios achegouse o rexedor, Antonio Pérez, e outros membros da corporación municipal.

Na mañá de hoxe, o Concello de Xinzo realizou unha homenaxe ás únicas dúas mulleres centenarias residentes no municipio. Dna. Elvira Tombo García –nada no 1912– e Dna. Eligia Carrera Colmenero –nada no 1913– recibiron un agasallo do consistorio nas súas vivendas de Xinzo de Limia e Moreiras, respectivamente.

Ata os seus domicilios achegouse o rexedor, Antonio Pérez, e outros membros da corporación municipal.

Elvira Tombo e Eligia Carrera son as dúas centenarias do municipio.

Elvira Tombo, a primeira da homenaxeadas ten 4 fillos, 7 netos, 10 bisnetos e 4 tataranetos. Segundo nos contaba unha das súas fillas ao dendealimia.com no seu último aniversario, segue comendo de todo e non perdoa o chupito de licor de herbas despois da comida de mediodía. Segue a subir ela sola as escaleiras da casa ata o primeiro piso e tampouco deixa que ninguén lle faga a súa cama. Elvira vive na vila de Xinzo e é loitadora nata que leva viúva desde 1974, despois de toda unha vida ao lado de seu home, que fora zapateiro en Paradiña. Cando reflexiona sobre a súa lonxevidade, Elvira sentenza “"son da época do Titanic pero eu sígome mantendo a flote”".

Entrega ramo e regalo a Eligia

A Eligia Carrera, residente en Moreiras, tampouco lle falta unha numerosa familia. Ten 2 fillos, 10 netos, 11 biznetos e xa varios tataranetos. Anda moi ben, apoiada na sua caxata. Come de todo, aínda que recoñece que xa con prudencia. Pola noite acostuma a cear sempre xamón con queixo e un iogur. Gustáballe moito o flan, pero agora só toma zumes. Aínda conserva bastante ben o ouvido e polas tardes ve a televisión. Ela di que ve un programa que non sabe cal é pero no que están sempre a falar unhas das outras e a berrar.

Longa vida ás nosas centenarias e a cumprir moitos anos máis.