viernes. 02.06.2023

Emigrantes de Sudamérica, China e Marruecos participan no seminario para a inclusión sociolaboral que promove a USC en Xinzo

A alcaldesa, Elvira Lama, deu a benvida aos participantes e agradeceu a acollida, xa que son máis de 30 as persoas inscritas

Elvira Lama nas xornadas da USC
Elvira Lama nas xornadas da USC

Cun total de 34 inscritos, entre os que se encontran emigrantes de Sudamérica, China ou Marruecos, o seminario que a USC promove en Xinzo e que leva por título “Competencia intercultural, empregabilidade e participación. Vías para a inclusión sociolaboral de persoas migrantes” desenvolveuse esta tarde cun éxito de participación. Foron 34 os inscritos e debido a gran acollida das xornadas, que se desenvolverán tamén mañá e o luns, cambiouse o escenario previsto do salón de plenos á Casa da Cultura. A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, deu a benvida aos asistentes e desexoulles sorte no seu futuro laboral, destacando a importancia de iniciativas como esta para facilitar a inserción. Serán, en total, 20 horas de formación e seguiranse todas as medidas sanitarias vixentes. Os participantes deberán cumprir coa normativa e asistir ao 80% do curso para a súa certificación.

A programación seguirá mañá, en horario de 9,30 a 14,30 horas, con nocións sobre a competencia intercultural e para a construción dunha traxectoria profesional no marco migratorio. A inserción socioeducativa como vía para a empregabilidade será outro dos temas a tratar nesta xornada que será dirixida por Miguel Santos Rego e Jesús García Álvarez. Tamén está previsto que ás 13,30 horas se faga a entrega dos diplomas do seminario “Educación e Participación Social: O coñecemento dos valores da sociedade de acollida”, celebrado con anterioridade.

Unha sesión telemática de seguimento dos traballos programouse para o luns, día 31 de maio. Os participantes contarán cunha titoría individual para o seguimento dos traballos e daranse pautas para a súa mellora e optimización.