Empresarios da Avd de Ourense ven “positiva” a reforma da N-525 na entrada á vila

236
Empresarios da Avd de Ourense ven “positiva” a reforma da N-525 na entrada á vila

Piden que obras se axusten ao prazo de execución e que se teñan en conta zonas de carga e descarga

Tras a presentación do proxecto de humanización da N-525 no salón de plenos do Concello de Xinzo, na que estivo, ademáis da alcaldesa, Elvira Lamas, o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, os empresarios que teñen negocios situados no entorno desta importante arteria ven “positiva” e “necesaria” a reforma da mesma, ainda que esperan que as obras non se demoren no tempo porque resultaría perxudicial para os seus establecementos.

20220504_163554
Edesio González

Edesio González viu as imaxes da recreación virtual do proxecto e, de quedar así “tal como se mostran, paréceme estupendo, moi ben. A entrada de Xinzo ten que quedar vistosa, non como está agora. A ver se a execución é tal como está, que esa é outra cuestión. A outras persoas que tamén viron as fotos do proxecto gustoulles moito”, explica.

O plan inclúe un reforzo do firme en todo o tramo urbano e dá prioridade ao peón co acondicionamento de beirarrúas máis anchas, bancos e arboledo. Tamén para gañar seguridade viaria, reforzarase a sinalización vertical próxima aos pasos de peóns, que se queren elevar. Os traballos contemplan unha renovación total dos servizos: saneamento, abastecemento e rede de sumidoiros, así como a adecuación de dúas rotondas.

20220504_163838
Roberto Dorado

Este último apartado, o de saneamento e rede de sumidoiros, é unha vella reclamación dos veciños. Roberto Dorado, con negocio na zona, explica que “aquí hai cortes de auga de forma habitual, mesmo nos Entroidos que é cando máis xente vén, houbo anos que estabamos sen subministración nunha época tan importante. Cambiar a rede de sumidoiros é algo fundamental. E tamén que deixen os aparcamentos necesarios. Polo demais, o proxecto paréceme ben”.

A Álvaro, propietario doutro establecemento, o proxecto inspíralle “sensacións positivas”, xa que “por fin van facer unha obra na entrada de Xinzo tan imprescindible, e parece que ten credibilidade.”

Dado que nos últimos anos unha parte importante da poboación local asentou na zona, todos ven necesarios os pasos de peóns e beirarrúas. Tamén todos están de acordo en dar primacía aos viandantes e en que a reforma supoña unha maior seguridade viaria, pero se preguntan que vai pasar cos aparcamentos e coas zonas de carga e descarga.

O proxecto de humanización da N-525 e o seu entorno, que por agora aínda non está en exposición, “parece que vai ter zonas de aparcadoiro suficientes, polo menos iso é o que parece nas fotos”, di un empresario, que reitera a necesidade de “darlle vistosidade á entrada da vila”.

20220504_171010
Javier Pérez

A mellora da urbanización en toda a contorna da N-525 ao seu paso pola capital limiana pretende separar o tráfico rodado desta estrada das zonas destinadas ao uso peonil e ao estacionamento de vehículos. Para iso, entre outras accións, habilitaranse zonas axardinadas, darase máis espazo aos viandantes e racionalizarase o tráfico, ademais da creación do carril-bici. Algo no que todos concordan pero apuntan, como Javier Pérez, “a necesidade de que os coches e as motos poidan aparcar e descargar mercadoría. Habilitar zonas propias para iso é esencial”.

Que vai pasar cos aparcamentos e coas zonas de carga e descarga?

Pola súa banda, Antonio Carrera, ve positivo o proxecto, aínda que lle preocupa o tempo de execución das obras, “porque se se prolonga demasiado e non se cumpren os prazos, aos negocios pódelles afectar negativamente”. Aínda que todo o que sexa mellorar as infraestruturas, “benvido sexa, máxime se é a entrada de Xinzo”, finaliza.

20220504_170524
Antonio Carrera

OLLO AS PRAZAS DE APARCAMENTO PARA RECOLLIDA DE MERCANCÍAS

Outro dos empresarios entrevistados por dendealimia, que non quixo aparecer, afirma que todo lle parece moi bonito e por suposto necesario. Insiste nos problemas de saneamento, pero no que fai máis fincapé e na necesidade de que se poida convivir cos coches. E pon un exemplo:

Cando se fixeron as beirarruas da Dous de Maio, era para que os peóns pudieran comprar con máis facilidade, anos despois, os peóns xa teñen todo o espazo, o que non hai son negocios onde comprar… e todo isto lle está a acontecer aos bares e negocios da rúa Lepanto. Así que tomen nota.

M.T.