Entrega de diplomas ás alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata

Entrega de diplomas ás alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata

Os veciños e veciñas xa poden visitar esta obra do Obradoiro: unha zona de reunión ao aire libre á beira do río Limia, ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara

“O noso parque”. Así chaman agarimosamente as alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata á obra que levaron a cabo nas últimas semanas. Co seu esforzo conseguiron converter unha área degradada á beira do río Limia, ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, nun punto de reunión ao aire libre para veciños/as e peregrinos/as. Esta mañá celebrouse no salón de plenos da Casa Consistorial o acto de entrega dos diplomas –a trece mulleres e tres homes- e os participantes imaxinaban o día no que poderían levar aos seus netos a coñecer este espazo.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, estivo acompañada polos concelleiros Ramón Gómez e Manuel Pérez, a concelleira de Sandiás, Pilar Cabrera, e o xefe territorial de Emprego e Igualdade, Iago Borrajo.

A rexedora asegurou que o Obradoiro de Emprego Vía da Prata é “histórico”, pois permitiu realizar unha discriminación positiva en favor das mulleres: “Deste xeito é posible demostrar que homes e mulleres estamos igualmente capacitados para calquera tipo de traballo”.

Cabrera agradeceu a colaboración co Concello de Xinzo de Limia e coa Consellería de Emprego e Igualdade para poder levar a cabo as distintas actuacións nos dous municipios e Borrajo, pola súa banda, desexou aos participantes que os traballos realizados “sirvan de cara a mellorar a inserción laboral”.

Cómpre destacar que para dirimir os posibles empates dos candidatos a participar no Obradoiro de Emprego Vía da Prata establecéronse os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.