A Escola Rural de Saúde da Limia organiza talleres sobre alzheimer e demencia

Imaxe dunhas das actividades organizadas pola Escola Rural de Saúde da Limia
A Escola Rural de Saúde da Limia organiza talleres sobre alzheimer e demencia

A asociación limiá leva anos traballando pola concienciación do traballo de coidados e máis das boas prácticas para a saúde no rural.

A Escola Rural de Saúde da Limia organiza, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense, unha serie de tres talleres sobre esta enfermidade e outras demencias.

O primeiro terá lugar o vindeiro mércores 23 de novembro entre as 10 e as 13 horas. Continuarán os obradoiros o xoves 24 entre as 16 e as 19 horas e a derradeira cita será o venres 25 de 10 a 13 horas. As tres xornadas terán lugar na aula 2 da primeira planta da Casa da Cultura de Xinzo.

Os tres talleres serán impartidos por persoal da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias formando parte dun "curso sobre demencias" do que a asociación organizadora afirma que informará nos próximos días. A Dra. Rosa María Rodríguez falará sobre o presente e o futuro da enfermidade do alzheimer, facendo fincapé no seu proceso de diagnóstico, medicación e vacinas. María José Feijóo, pola súa banda, impartirá, dende a súa experiencia como enfermeira, un taller práctico sobre coidados, hixiene e mobilizacións dos enfermos. Será o Doutor Luís Prieto quen aborde a atención aos enfermos dende un punto de vista ético e humano nos coidados, centrándose especialmente nos paliativos. Por último, a avogada Victoria Diéguez, orientará aos asistentes nos aspectos legais en canto á protección de persoas dependentes.

O obxectivo das xornadas, segundo os organizadores, é "visibilizar o coidado das persoas con alzheimer" pois, "segundo a Sociedade Española de Neurología, estímase que entre 30 e 40 de cada cen casos están sen diagnosticar". Para se inscribir é necesario enviar un correo a escolaruraldesaudedalimia@yahoo.es.