A Escola Rural de Saúde da Limia visita a casa-museo Mati en San Pedro de Laroá

mati
A Escola Rural de Saúde da Limia visita a casa-museo Mati en San Pedro de Laroá

A casa-museo Mati é como se coñece a vivenda que acolle unha colección de ferramentas de antigos oficios, de cestería ou mesmo fotografías antigas. Matilde Gándara, unha veciña de San Pedro de Laroá, é a dona deste espazo que está acollendo cada día a máis visitantes.

No seu interior pódense ver dende traxes do Entroido e da Festa do Esquecemento feitos por ela mesma, ata todo o proceso de elaboración do liño. O museo acolle tamén unha exposición de imaxes tomadas pola propia Matilde de cando comezou a traballar como fotógrafa nos anos 70.

A colección é o froito da labor desta muller que durante anos foi acumulando todo tipo de antigüidades no seu museo persoal.

Unha das visitas que recibiu nestes días foi a da xente da Escola Rural de Saúde da Limia, unha experiencia que en palabras da súa coordinadora, Lola Rico, foi "un concepto diferente de lembrar, pódese ulir, pero sobre todo sentir o cariño e emoción co que Mati foi gardando as tradicións do rural de Ourense".