O espazo de coworking de Xinzo de Limia organiza un novo obradoiro

Praza Carlos Casares
O espazo de coworking de Xinzo de Limia organiza un novo obradoiro

Cada vez é máis numeroso o número de profesionais con iniciativas empresariais propias que se interesan por traballar neste tipo de espazos

Os veciños e visitantes da Limia que teñan interese en coñecer como funciona un "coworking" poderán acudir o vindeiro día 1 de febreiro, ás 16 horas, á Casa da Cultura da capital da comarca. Este novo centro de emprendedores e de traballo coopertivo dirixido a pequenas iniciativas empresariais, autónomos e "freelances" foi posto en marcha, o pasado mes de setembro polo Instituto Galego de Promoción Económica e a Escola de Organización Industrial na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

Cada vez é máis numeroso o número de profesionais con iniciativas empresariais propias que se interesan por traballar neste tipo de espazos na busca de solucións, asesoramento e formación de todo tipo. O obxectivo dos coworking é producir sinerxias entre os participantes, guiados por mentores e co obxectivo teleolóxico de crear novas oportunidades de negocio ou mellorar as que xa teñen.

Na primeira edición están a participar preto de 16 proxectos e –ata o momento– celebráronse un total de 15 talleres. Neste próximo obradoiro que se vai facer, Lalo García, director de Lance Talent, abordará a actividade dixital das empresas. A presente edición do coworking de Xinzo rematará en febreiro cando finalicen os proxectos, pero xa se contempla a posibilidade dunha nova edición en 2017.