Os ex funcionarios denuncian coaccións e Antonio Pérez sospeita

Antonio Pérez
Os ex funcionarios denuncian coaccións e Antonio Pérez sospeita
O rexedor limiao ve na actuación dos dous ex secretarios unha manobra para distraer a atención doutras irregularidades REDACCIÓN redac@dendealimia.com Patricia Hernández, ex...

O rexedor limiao ve na actuación dos dous ex secretarios unha manobra para distraer a atención doutras irregularidades

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Patricia Hernández, ex secretaria adxunta do Concello de Xinzo únese á versión do seu compañeiro o ex secretario do municipio, Demetrio Martínez. Segundo fixo público La Voz de Galicia, Hernández tería renunciado tamén ao seu posto por presións políticas. Así, ambos ex funcionarios aseguraron nunha demanda conxunta ter sido coaccionados por Antonio Pérez para suavizar os informes que elaboraron en contra das súas contratacións de persoal. Antonio Pérez, pola súa parte asegura que estas denuncias non son máis que unha manobra destes dous antigos traballadores para tapar as súas irregularidades.

Onte declaraba no Xulgado de Xinzo Patricia Hernández, dentro das dilixencias penais que investigan se certas contratacións irregulares realizadas polo Concello e Xinzo durante 2012, poderían constituír un delito de prevaricación. Na súa testemuña, Hernández ratificouse no relatado na súa demanda contra o rexedor limiao. Alegou que a data dos seus informes non coincide co momento no que foron redactados, baza na que se basea a defensa do alcalde, senón co día no que informaron verbalmente ao rexedor de que as contratacións incumprían varias disposición legais. Isto foi así segundo a ex funcionaria debido á carga de traballo que implicaba a supervisión da crítica situación económica do Concello.

Patricia Hernández tamén explicou que este procedemento se mantivo con normalidade ata que Goberno e Fiscalía pediron a documentación correspondente as contratacións que resultaron ilegais. Cando esta petición se produciu, foi cando aseguran que comezaron as presións para suavizar os informes.

Desde o outro lado do ring, Antonio Pérez insiste en que a demanda dos ex empregados do Concello de Xinzo é unha manobra de distracción para tapar as súas propias faltas. Faltas que o líder do PP de Xinzo identifica coa alteración das datas dos seus informes, uns informes que a día de hoxe el segue afirmando que descoñecía: “Paréceme todo unha forma de defender que o problema grande que ten el (o secretario), pero iso xa se verá como acaba», díxolle Pérez a La Voz de Galicia.