Éxito da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo, que recibiu máis de 5.000 visitantes e fomentou a venda a profesionais

Alimagro11
Éxito da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo, que recibiu máis de 5.000 visitantes e fomentou a venda a profesionais

O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, asegura que se conseguiu con creces o principal obxectivo: poñer en valor a pataca e aos profesionais que traballan no sector

A Feira da Pataca e Maquinaria de Xinzo de Limia volveu con forza ao calendario. A pasada fin de semana, Alimagro celebrou a súa segunda edición despois de que a pandemia obrigase a suspendela o ano pasado. Para convertela nun referente do norte de España e consolidala dentro da programación de eventos de relevancia para o sector, o executivo local decidiu unir as dúas citas nun mesmo espazo e tempo.

O resultado foi o desexado e as cifras falan por si solas: A feira recibiu máis de 5.000 visitantes e fomentou a venta a profesionais. As datas nas que se levou a cabo tamén axudaron a que o balance sexa máis que positivo. A primeiros de setembro os agricultores aínda non comezaron a arrincar o tubérculo e o tempo acompaña para que os tractores de última xeración poidan aparcarse nas inmediacións do pavillón municipal, onde se instalou todos os postos relativos a pataca.

Precisamente a variedade dos trinta expositores do recinto –dende produtores, almacenistas ata seguros agrícolas– favoreceu o incremento das visitas. Ademais, conseguíronse pechar importantes vendas de maquinaria e os profesionais tiveron durante tres días un perfecto escaparate para promocionarse.

A alcaldesa, Elvira Lama, valorou moi positivamente a feira e expresou o compromiso do Concello para a súa continuidade.“A produción agrícola da Limia é un piar fundamental do tecido produtivo e ten que ser economicamente rentable e sustentable co medio ambiente. Vivir no rural e do campo é posible si contamos cos investimentos necesarios, añadiu.

O concelleiro de Medio Rural de Xinzo de Limia, Amador Díaz, mostrouse tamén máis que satisfeito co desenvolvemento da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola: “Foron moitos os visitantes que comprobaron de primeira man o seu potencial. O noso obxectivo era poñer en valor a pataca e aos profesionais do sector e conseguímolo. Iremos a por unha terceira edición”.

Á espera de que a normalidade volva á vida cotiá, Alimagro desenvolveuse con todas as medidas de seguridade e protocolos, establecéndose que a entrada e saída do recinto feiral debía realizarse entre o parque da Alameda e o parque do Toural.

A inauguración contou o venres cunha ampla comitiva de autoridades, que coincidiron ao poñer en valor o traballo dos profesionais do sector e en seguir traballando da man en favor da agricultura.

Durante os tres días da feira sucedéronse as degustacións gastronómicas que, como non podía ser doutro xeito, tiveron a pataca como produto estrela. Onte, o chef ourensano Carlos Parra ofreceu un obradoiro gastronómico que espertou gran interese entre os asistentes. No último día de Alimagro tamén se quixo render homenaxe a un sector que leva décadas facendo da Limia un referente. Dúas vacas rubias percorreron as instalacións e rememoraron o xeito no que hai anos se traballaba no campo. A Banda de Gaitas de Xinzo pechou unha programación que deixou o listón ben alto de cara a próximas edicións.