Unha exposición sobre a enerxía e o seu consumo responsable chega a Xinzo de Limia

expo 2
Unha exposición sobre a enerxía e o seu consumo responsable chega a Xinzo de Limia

A exposición "Energytruck" chega a Xinzo de Limia co obxectivo de contribuír ó desenvolvemento educativo, ambiental e cultural da sociedade. A mostra foi deseñada polo museo da fundación Gas Natural Fenosa e poderá visitarse durante a xornada do xoves na praza Carlos Casares.

"Energytruck" preséntase no interior dun camión de 70 metros cadrados que inclúe contidos audiovisuais, interactivos e multimedia xunto con paneis informativos. O proxecto inclúe tamén a oferta de talleres e actividades pedagóxicas participativas da man de educadores especializados que divulgarán coñecementos de ciencia e tecnoloxía.

O espazo móbil conta cun motor dual de gas natural que xera entre un 15% e un 20% menos de emisións de CO2 respecto ós motores convencionais de gasoil.

A mostra pretende amosar que é a enerxía e como se pode consumir de forma responsable. A exposición tamén contén un percorrido pola historia e o avance social que supuxo a chegada do gas e a electricidade e tamén unha ollada a como será a enerxía dentro duns anos.