Favorecer a conciliación das familias, obxectivo do Campus de Verán de Xinzo

Campus
Favorecer a conciliación das familias, obxectivo do Campus de Verán de Xinzo

O campamento dirixido a cativos e cativas dende os tres anos arrancará o día 3 e desenvolverase en varias quendas

Coas vacacións escolares á volta da esquina, son moitas as familias que buscan opcións para poder conciliar. O Campus de Verán de Xinzo de Limia volve a espertar un gran interese e prevese a participación dun cento de nenos e nenas. A iniciativa, que comezará o 3 de xullo, está promovida polo clube Escolas Deportivas coa colaboración do Concello.

As actividades realizaranse durante todo o mes de xullo, en horario de 10:00 a 13:30 horas, contando con variedade de propostas, entre as que podemos destacar o pádel, a orientación, xogos deportivos e piscina, e outras de tipo lúdico como sesións de cine, manualidades e excursións.

O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, en cada unha das quendas, podendo elixir entre a primeira ou segunda de xullo, ou o mes completo. Opcionalmente, ofrécese un servizo Madruga con entrada ás 9:00 horas.

Dende a concellería de Deportes informan de que xa está aberto prazo de inscricións, que durará ata o mércores 21 xuño, podéndose presentar os formularios no pavillón de deportes, piscina climatizada ou casa de cultura.

O Campus de Verán de Xinzo de Limia é unha das propostas da programación deportiva organizada polo Concello para os próximos meses. Así, está previsto que o 16 de xuño haxa unha roda de capoeira e o 18 de xuño organizouse o Torneo de Baloncesto Vilas Internacional. Participarán máis de 30 equipos e 250 xogadores no de minibásket.

O 20 de xuño arrancará o Xinzo Fit, unha proposta na que se unen deporte e saúde e que se repite un ano máis polo éxito colleitado noutras edicións. Ofreceranse actividades dirixidas como bailoterapia, pilates ou aeróbic, gratuítas e para toda a poboación. Desenvolveranse todos os martes e xoves a partir das 20.30 horas.

Tamén no mes de xuño, do 23 ao 27, programouse o Campus de Ximansia, ademais dos Campus de Fútbol e de Baloncesto. Ademais, para favorecer a conciliación familiar, o Campamento urbano arrancará o 3 de xullo en diferentes quendas.