O festival das Xornadas de Folclore pasará por Xinzo esta fin de semana
Tras dous anos de espera, o Teatro Principal de Ourense volveu acoller o acto inaugural das Xornadas de Folclore, un festival que percorre toda a provincia de Ourense entre os días entre o 8 e o 17 de agosto.
Este evento, organizado pola Deputación e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que conta co apoio da Xunta de Galicia, chega este ano a súa XXXVII edición, contando con 200 participantes -entre artistas e equipo técnico- procedentes de seis países diferentes, convertendo a Ourense nun epicentro da música e o baile tradicional de todo o mundo.
O acto que deu apertura ás Xornadas de Folclore realizouse onte ás 20:30 horas cun desfile de bandeiras, no cal representantes de cada grupo portaron a bandeira do seu país polo corredor central do teatro, sendo mostradas neste ano as bandeiras de Chile -co grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua-; Angola -co grupo Ballet Himalaya-; Colombia -a Compañía Internacional de Danza Paipa-; Costa de Marfil -a Compagnie Artistique Mien-Moh-; Indonesia -coa formación Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya-; e México, co Ballet Folklórico do Instituto Tecnológico de Celaya.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández saudou aos artistas, remarcando a “expectación e o cariño que amosan os ourensáns en cada unha das actuacións”, e recoñeceu o traballo de todo o equipo organizador para construír, “un ano máis, e xa van 37 edicións, un dos eventos culturais de toda a provincia de Ourense, e que ademais e, sen dúbida, unha interesante forma de compartir culturas”.
A continuación, proxectouse o documental “Ourense: arte, cultura e tradicións populares”, elaborado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e actuou a escola de danza Castro Floxo. Un programa deseñado, explica o director artístico das Xornadas de Folclore, Xulio Fernández, para recibir os participantes e “mostrar unha parte da nosa cultura, tradición e arte nun espectáculo concentrado”.
A Xornada de Folclore en Xinzo

Na xornada do domingo, 14 de agosto, Xinzo acollerá un desfile dos grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile, que partirá ás 20:00 horas dende a rúa Toural ata a praza de Carlos Casares, onde as 20:30 horas terá lugar o festival folclórico.