Francisco, limiao en paro e pai dun bebé, consegue traballo por medio dun programa de televisión

Francisco durante a súa intervención do programa de televisión "Entre Todos". DAL
Francisco, limiao en paro e pai dun bebé, consegue traballo por medio dun programa de televisión
O mozo de 34 anos recibiu axuda económica e un emprego en Hortícolas Galegas onte pola tarde, grazas á súa...

O mozo de 34 anos recibiu axuda económica e un emprego en Hortícolas Galegas onte pola tarde, grazas á súa aparición en “Entre Todos” de TVE

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Visiblemente nervioso e emocionado aparecía onte pola tarde Francisco no programa “Entre Todos” de Televisión Española. Este mozo de 34 anos, veciño de Xinzo sen emprego e pai dun bebé de tres meses, recorría á televisión para pedir axuda debido ás dificultades económicas polas que está atravesando a súa familia. Desta maneira, e grazas á chamada doutra limiá, María, conseguía un traballo de peón de almacén que garante a súa estabilidade económica durante alomenos seis meses.

Na súa intervención, Francisco explicoulles aos telespectadores que a súa “maior preocupación” era o seu fillo, e repetiu en varias ocasións que a súa obsesión era “que non lle faltase de nada”. Despois de explicar as duras circunstancias nas que viven el e a súa parella, desde que el, traballador da construción, quedara sen emprego, comezaron a sucederse as chamadas. Varias persoas de puntos tan dispares de España coma Lanzarote, Madrid, Córdoba ou Albacete interviñeron telefonicamente para axudalo con achegas económicas, que acabaron sumando case 3.000 euros. Pero o momento máis emocionante chegaba ao final do programa, ca última chamada, a de María.

María, que chamaba en nome de Hortícolas Galegas, ofreceulle o que a presentadora do espazo non paraba de pedir para Francisco, un traballo. O traballo que garantise a verdadeira estabilidade para a familia. E con María chegou. Así este mozo, que non puido conter as bágoas cando coñecía a boa nova, cambiará a vida dos seus para a semana que ven, cando ocupe o seu posto de peón de almacén.