jueves 28/10/21

Germán "ex-xefe" da policía local, terá un recoñecmento no próximo pleno

O Concello de Xinzo recoñecerá no próximo pleno  a dedicación e traxectoria profesional do inspector da Policía Local, Germán Bolaño

Reunión Operativo Policial Entroido
Reunión Operativo Policial Entroido

Pola súa traxectoria profesional, así como a súa dedicación en prol da seguridade dos veciños de Xinzo de Limia será recoñecido no próximo pleno ordinario –previsto para o 21 de outubro- o inspector da Policía Local, Germán Bolaño (1961), que se xubila despois de case catro décadas de traballo na vila. Natural de Caracas, chegou a España con cinco anos e asentouse no municipio. Foi no ano 1984 cando acadou a praza de cabo-xefe, cun persoal que por aquel entón era de seis gardas.

Co obxectivo de poñer en valor a súa dilatada traxectoria profesional, o executivo local iniciou o expediente de honra que se levará á próxima sesión plenaria e que está previsto que conte co apoio de todos os grupos. Así, Germán Bolaño recibirá a Medalla do Concello de Xinzo de Limia.  “Queremos mostrar o noso agradecemento non só pola súa labor profesional, senón tamén persoal”, explicou a alcaldesa, Elvira Lama.

Cómpre destacar que dende a xefatura da Policía Local que ostentou, nos últimos anos dun xeito máis extenso, fomentouse e acadouse un grao moi alto de colaboración e disposición por parte da Garda Civil, chegando a ser un modelo recoñecido polos mandos dese corpo.

Será o segundo recoñecemento destas características que se leve a cabo este ano. O capitán da Garda Civil Casas Rivero recibiu en abril a Medalla do Concello de Xinzo de Limia pola súa entrega a favor da seguridade dos veciños. Natural de Vilardevós (1970), traballou no cuartel da benemérita da vila máis dunha década, levando a cabo operacións de gran relevancia.