“Grave” e “nefasta”, así é a situación económica actual

“Grave” e “nefasta”, así é a situación económica actual

Asumindo a herdanza do Partido Popular o actual goberno atópase cuns orzamentos esgotados.

Case un mes despois da formación do goberno cuatripartito, Elvira Lama, aclara a situación económica pola que está a pasar o concello de Xinzo de Limia. Acompañada do concelleiro de Facenda e Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, a alcaldesa manifestou de forma clara e contundente a súa disconformidade coa organización financieira feita polo anterior goberno, que catalogan de “caótica” e “onde cada concelleiro facía o que lle petaba”.

“Cando chegamos xa sabíamos que a situación podía ser grave, pero non nos imaxinábamos a magnitude desa gravidade”, así o sinalaba a alcaldesa ao atoparse cunha programación dos orzamentos para o ano 2019 inexistente. Segundo afirma, víronse obrigados a traballar cos orzamentos prorrogados do ano 2018 ao que o conselleiro de Facenda e Economía engade “o primeiro que tiñan que haber feito era o orzamento de 2019 e non o fixeron. Pasaron das súas obrigas”. Ademais disto, tamén fixeron fincapé en que están a traballar cun “orzamento esgotado” o que obrigará ao actual goberno, segundo afirman, a recurrir a unha póliza de crédito, aínda que non estaba entre os plans o seu emprego. O propio Pérez Campos afirma que, “non hai outra posibilidade”.

Ante estes acontecementos, sinalan que se atopan diante dunha situación financiera grave, pero non imposible de solventar e que están traballando na procura de solucións para rematar o ano. Ata o de agora prevén a elaboración e presentación do orzamento 2019- 2020 en outubro co obxetivo de aplicar o seu propio programa.