As historias dun médico rural contadas polo doutor J. Manuel Lage Parente

Bautizo do libro "Retazos de la vida de un médico rural"
As historias dun médico rural contadas polo doutor J. Manuel Lage Parente
"A aula da Casa da Cultura de Xinzo de Limia era pequena, estaba chea... de xente, de emocións, de vida"

A aula da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia acolleu ao doutor J. Manuel Lage Parente e Lola Rico, organizadora da presentación do libro “RETAZOS DE LA VIDA DE UN MÉDICO RURAL”.

As historias de vida dun médico rural, as anécdotas cos enfermos de tantas aldeas visitadas onde nunca se sabía que atoparías e como remataría o día e tantos momentos compartidos coa xente que vive dispersa arredor do rural de Maceda, localidade onde exerceu a súa profesión e onde fundou o Museo Médico Rural, para que nós e as xeracións vindeiras saibamos que chegar á medicina que temos agora non foi fácil, sen deixar de describir a cultura e o medio social rural da época. Tamén fixo referencia ao vínculo mantido coa asociación e aos numerosos encontros de información sobre educación para a calidade de vida da poboación.

Á presentación do libro asistiron amigos, pacientes, colaboradores e persoas para mostrar o seu apoio, entre outros, o escritor Edelmiro Cerredelo, o parlamentario Carlos Gómez así como compañeiros da profesión médica, e o encontro converteuse nun lugar onde a saúde das persoas foi o tema central da tarde.

Vivanco, Dr Fernandez, Dr Lage, coordinadora Lola Rico
Vivanco, Dr Fernandez, Dr Lage, coordinadora Lola Rico

Pablo García Vivanco, farmacéutico comunitario, falou da importancia de difundir a problemática sanitaria entre a poboación, tal e como el mesmo e o doutor Lage veñen facendo dende hai anos coa Escola Rural de Saúde a través de distintos concellos do rural, “para que serve ter coñecementos se estes non se comparten cos nosos compañeiros, ese é o obxectivo final, comunicarse” dixo Vivanco.

A continuación foi o doutor Roberto Fernández Álvarez quen se dirixiu aos presentes e fixo un percorrido pola evolución da medicina rural e os fitos que se produciron nos últimos anos, entre outros, na redución da mortalidade dos recentemente nados. Destacou “a implicación dos médicos de transición e a importancia deste novo modelo de medicina que se achegaba cara á sanidade pública, da que o doutor Lage é un referente á hora de falar de medicina rural”.

O encontro rematou coa sinatura de exemplares cuxa recadación irá íntegramente para a Asociación de Museos e co bautismo de flores do libro do dr. por parte psicóloga Rosa Trujillo e un aperitivo saudable, como non, de escuma de amorodo elaborado por Concha Ferreiro, membro da ONG.

Dende Escola Rural de Saúde da Limia están moi satisfeitas de ter contribuído ao traballo dos médicos do rural a través da pluma do Dr Lage Parente, xunto co que din "seguiremos polo rural da Limia falando do pasado, do presente e do que queremos para a promoción, prevención e educación sanitaria do mañá".