"A hostalería da vila viviu un dos mellores veráns dos últimos"

VISITANTES
"A hostalería da vila viviu un dos mellores veráns dos últimos"

As feiras da Pataca e da Maquinaria, a do Comercio e o Esquecemento mobilizaron a máis de 43.000 persoas en Xinzo de Limia nun animado verán de rexistros históricos

Segundo un comunicado enviado polo concello de Xinzo, foi un verán que pasará a historia polo número de persoas que se achegaron á vila de Xinzo de Limia, para desfrutar da programación de verán con citas como a Festa do Esquecemento, a Feira do Comercio ou as Feiras da Pataca e da Maquinaria Agrícola, pero tamén para coñecer algúns dos seus lugares máis emblemáticos do municipio e a comarca.

Ás propostas para dinamizar a economía local con diferentes feiras que atraeron a numerosos visitantes, súmase a decisión do goberno local de restrinxir o acceso de vehículos ao casco vello durante a fin de semana, o que ampliou o ambiente de verán de terraceo nas principais rúas de viños da zona vella, así como na Praza Maior. Ademais, segue en vigor a exención da taxa pola instalación de terrazas na vía pública, unha decisión acordada trala pandemia e que o goberno local decidiu manter como forma de apoio directo ao sector. Pola suma de todos estes factores, xunto co bo tempo, a eliminación das restricións e as gañas de volver á normalidade, o verán rexistrou en Xinzo, especialmente en agosto e os primeiros días de setembro, cifras históricas de visitantes.

As feiras da Pataca e da Maquinaria Agrícola, Alimagro, na que se elaborou unha tortilla xigante para 2.000 racións e promocionouse o cultivo por excelencia da Limia, rexistrou 17.000 visitantes a pasada fin de semana, segundo os organizadores. Foi, despois do Esquecemento, onde se reuniron preto de 20.000 persoas, tamén segundo as cifras que manexa Civitas Limicorum, a cita que congregou o maior número de persoas. Cómpre destacar a exposición de tractores do Toural ou a vintena de expositores que se deron cita no pavillón municipal, un percorrido que durante tres días converteuse no lugar de paseo preferente para miles de veciños e veciñas de Xinzo de Limia e a súa comarca.

A Feira do Comercio Local tamén contribuíu a facer da vila de Xinzo o lugar escollido por moitos visitantes. Estímase que mobilizou arredor de 6.000 persoas.

A decisión de restrinxir o acceso de coches ás rúas do casco vello durante as fins de semana, aplaudida pola hostalaría, mostrou unha imaxe distinta do corazón da vila como espazo para o paseo e o terraceo, incrementando de forma notable o ambiente.

De feito, o sector hostaleiro, a igual que o hoteleiro, viviu un mes de agosto mellor incluso que os de antes da pandemia. Así o sinalou o hostaleiro Iván Prado, que rexenta un establecemento na Praza Maior: “Houbo moitísima afluencia de xente. O Esquecemento estivo moi ben organizado e repercutiu nos establecementos hostaleiros. Creo que a medida de restrinxir o tráfico no casco histórico debería estenderse máis aló das fins de semana, sería moi bo e fomentaríase a mobilidade das persoas”.

A gran afluencia de xente en Xinzo de Limia durante os meses de verán e, especialmente no mes de agosto, tamén repercutiu nos establecementos especializados na alimentación. En relación aos supermercados, estes trasladaron ao Concello un incremento medio das súas ventas de máis dun 20 % con relación ao 2019, que é o ano que toman como referencia para establecer comparacións.

E o mesmo ocorreu coas sucursais bancarias, cuxos caixeiros rexistraron, en algúns casos, retiradas de diñeiro que superaron nun 50 % as do ano 2019. Concretamente, na fin de semana do Esquecemento duplicouse a cantidade asignadas en algúns dos caixeiros do centro da vila, de tal xeito que o sábado xa non dispoñían de efectivo.