Hoxe presentouse a programación de actividades do veran 2021 do concello de Xinzo

Presentación actividades deportivas veran 2021
Hoxe presentouse a programación de actividades do veran 2021 do concello de Xinzo

Unha vintena de actividades deportivas, a maioría ao aire libre, inclúense na programación do Concello para este verán

O parque Galicia foi o lugar escollido pola alcaldesa Elvira Lama, o concelleiro de deportes Rafa Penabad, acompañados polos presidentes dos clubs que colaboran na organización das diferentes actividades que se levarán a cabo no eido do deporte e o aire libre neste verán 2021 para os nenos e nenas, non solo de Xinzo, se non que estarán abertas a veciños doutros concellos da comarca.

NON TODO SERÁ FUTBOL E BALONCESTO

O Concello de Xinzo de Limia elaborou unha programación deportiva de verán na que se inclúen actividades tan variadas como o pádel, rutas de BTT, andainas ou ximnasia rítimica. Estes son só algúns exemplos, xa que serán unha vintena as iniciativas que se porán en marcha, a maioría delas ao aire libre para minimizar ao máximo o risco de contaxios polo covid-19.

A primeira actividade que se ofrecerá a veciños e visitantes da vila é o Xinzo Fit, ximnasia no parque do Toural. Trátase dunha proposta que xa se deu a coñecer o ano pasado e á que se poderá asistir os martes, xoves e domingos de todo o verán desde o próximo 20 de xuño.

cartelCoincidirán en datas –do 28 de xuño ao 2 de xullo- o campus de tecnificación de fútbol para nenos nados entre o 2007 e o 2015 e o Campus de Baloncesto. O escenario escollido no primeiro caso é A Moreira e no segundo o pavillón de deportes.
Aos rapaces tamén vai dirixido o Campamento 2021, neste caso para os nados entre 2008 a 2014. Celebrarase do 5 ao 30 de xullo en diferentes escenarios do municipio e os nenos poderán participar en actividades como orientación, senderismo, tenis ou distintos obradoiros. As prazas son limitadas e os interesados en participar deberán inscribirse previamente no pavillón de deportes ou na Casa da Cultura. Dependendo das datas nas que se prefira asistir e de si os nenos están empadroados no concello se cobrarán as distintas tarifas.

Os federados poderán inscribirse no Campionato Galego de Orientación en BTT, que terá lugar o 18 de xullo no campo de A Moreira. Un día máis tarde celebrarase o torneo de pádel sub-16, mentres que o de pádel absoluto será o 30 de xullo.
Para os máis pequenos da casa tamén se organizaron o Campus de Baloncesto Salva Arco e o Campus de Futbol Celta de Vigo. Ambas iniciativas serán os primeiros días de agosto e diríxense a nenos nados entre o 2007 e o 2015.
O verán non acaba en agosto e son moitas as actividades que se levarán a cabo no mes de setembro, como unha andaina o día 5; o Torneo de Fútbol Memorial Eloy Conde; Torneo de Fútbol Memorial Toñito; Campus de Ximnasia Rítmica e Gala do Deporte do Concello de Xinzo de Limia. Un 3x3 de baloncesto e outro de fútbol completan o programa.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, celebra que as actividades volvan a encher o tempo libre dos veciños máis novos da vila: “Xa nos tocaba volver a presentar este tipo de iniciativas, despois dun ano terrible no que pasamos momentos moi complicados pola pandemia. Quero agradecer o inmenso esforzo da concellería de Deportes e a implicación clara e decidida dos clubes deportivos do concello para que os rapaces poidan desfrutar dos deportes que elixan e non teñan que seguir pechados na casa”.

O concelleiro de Deportes, Rafa Penabad, destacou a importancia de ofrecer alternativas de ocio saudables para a cidadanía e asegurou que as actividades poderían mover ao redor de 1.500 persoas.