Jose González salientou no seu discurso o apoio da Consellería do Medio Rural á produción agropecuaria e á súa calidade

Conselleiro de Medio Rural en ALIMAGRO 2022
Jose González salientou no seu discurso o apoio da Consellería do Medio Rural á produción agropecuaria e á súa calidade

O conselleiro do Medio Rural, xunto co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e co delegado territorial da Xunta, asistiu á inauguración da 3ª edición de Alimagro

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu hoxe á inauguración da 3ª edición de Alimagro, a Feira do Agro da Limia. Nesta visita, o conselleiro destacou o bo facer dos agricultores galegos en xeral, recoñecido mediante a entrega de diferentes placas e mencións honoríficas ás mellores explotacións da nosa comunidade.

Neste senso, o titular de Medio Rural puxo en valor que a da Limia é a rexión extensiva máis importante de Galicia, con centos de familias que viven da agricultura. E, para seguir promocionando e potenciando a calidade produtiva da zona, José González fixo fincapé no cultivo da pataca. Un produto que é “coñecido e recoñecido dentro e fóra de Galicia” e que conta co recoñecemento da Indicación Xeográfica Protexida desde 1996, tendo na actualidade unha produción comercializada de máis de 6 millóns de quilos, cun valor económico estimado de 3,1 millóns de euros.

Nesta liña, o conselleiro salientou ademais que a Xunta aposta pola protección e a promoción das nosas producións do agro, mediante iniciativas como a campaña “Galicia etiqueta calidade”, que integra 36 selos de calidade diferenciada. Neste marco, lembrou tamén que o Goberno galego está comprometido coa Limia, a través dun Plan estratéxico específico que avoga por impulsar un modelo sustentable económica, social e ambientalmente. Dentro desa actuación, valorou -por exemplo- os 600.000 euros destinados en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense para a reparación de camiños na comarca entre o ano pasado e este 2022.

A maiores, o titular de Medio Rural destacou a posta en marcha en Xinzo da oficina de información sobre os avances na mellora e na modernización do regadío da Limia. Unhas obras que -segundo recordou- van a bo ritmo, e xa están rematados máis dun terzo dos 42 pozos de sondaxe de auga previstos, para os que a Xunta consignou un investimento de preto de 4 millóns de euros.

As actuacións enmárcanse -lembrou- no investimento de arredor de 36 millóns que destinará o Goberno galego e o Estado a esta bisbarra ourensá. Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case 4 millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural ante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos.

Na súa intervención, José González puxo en valor tamén a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que é -dixo- “unha ferramenta fundamental para seguir crecendo e continuar plantando, para garantir que Galicia continúe sendo ese motor da calidade que nos define”, remarcou o conselleiro.