Luz verde aos sete proxetos de sustitución de máis de 4.600 luminarias vellas por lámpadas led, nos próximos dous anos.

Pleno ordinario 27.07.21
Luz verde aos sete proxetos de sustitución de máis de 4.600 luminarias vellas por lámpadas led, nos próximos dous anos.
Máis dunha decena de puntos da orde do día saíron adiante co apoio de todos os grupos políticos

O do mes de xullo foi un pleno marcado pola unanimidade e no que saíron adiante proxectos de relevancia para o Concello de Xinzo. Cos votos a favor de todos os grupos aprobáronse máis dunha ducia de puntos. Entre eles, os sete expedientes de ratificación da aceptación da subvención do Goberno central para a substitución de 4.610 luminarias por LED, co que se prevé aforrar un 70 % dos case 258.500 euros da factura da luz anual.

Tamén por unanimidade saíu adiante o convenio entre o Ministerio do Interior e a Administración local para reforzar a colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil. Mediante este acordo realizarase un intercambio de comunicación no ámbito da seguridade cidadá. A Garda Civil informará ao Concello dos datos estatísticos mensuais relativos á actividade policial e delictiva e, con carácter anual, facilitarase un resumen sobre a evolución destes datos. O executivo local facilitará á Benemérita a información de interese policial da que dispoña e outorgará os planos e soportes informáticos actualizados do sistema dixitalizado de cartografía municipal, así como información sobre direccións, teléfonos, horarios e réxime de funcionamento dos servizos sociais, casas e centros de acollida.

APROBADAS DÚAS MOCIÓNS DO PP

En canto ás mocións do Partido Popular, saíu adiante á relativa ao apoio ao Xacobeo 2021-2022, se ben a relativa á asignación de recursos do programa Next Generation para as iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible en concellos de menos de 50.000 habitantes contou co voto en contra da concelleira non adscrita. Retirouse da orde do día a moción para instar ao Goberno Central á baixada do prezo da electricidade á espera de estudar a enmenda presentada polo executivo local.

Co voto en contra do Partido Popular aprobouse a modificación de crédito a cargo do remanente positivo, cunha contía que ascende a 180.000 euros e que se dedicarán a pagar diferentes facturas, como as relativas a loitar contra á pandemia, sendo exemplo as horas extra que tiveron que realizar os traballadores da limpeza ou os axentes da Policía Local. Neste sentido, a alcaldesa recalcou que nin a Deputación nin a Xunta de Galicia nin o Goberno Central , realizaron achegas económicas aos concellos para loitar contra o covid-19 e engadiu:“Este Concello ten que facer fronte a gastos imprevistos e estamos sometidos a un plan de axuste. Faremos todas as modificacións que sexan necesarias para atender á cidadanía e dar respostas ás súas demandas”.